Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    28 de agosto de 2024

    O Concello de Berriozar ofrece diferentes actividades deportivas e culturais en éuscaro co obxectivo de crear as condicións para que a cidadanía poida vivir nesta lingua.

    Fonte: Berriozarko Udala

    28 de agosto de 2024

    «Coa lingua de fóra» é o nome desta actividade formativa dirixida a persoas adultas que desexen practicar galego nun grupo de conversa, que se reunirá os mércores na Biblioteca Ágora, dinamizado por unha persoa nativa.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    28 de agosto de 2024

    A Xunta de Galicia publicou as propostas de resolucións definitivas das dúas convocatorias públicas destinadas a cubrir sete bolsas de formación en lectorados de lingua, literatura e cultura galegas, así como cinco prazas en lectorados.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    27 de agosto de 2024

    Un programa financiado polo Goberno de Gales permite que as persoas entre os 16 e os 25 anos, así como persoal das escolas, aprendan galés de balde. No último ano 3200 persoas beneficiáronse deste programa.

    Fonte: Nation Cymru

    27 de agosto de 2024

    Estes obradoiros dirixidos a mestres de primaria buscan dotar de competencias teóricas e prácticas para fomentar a asertividade nos usos lingüísticos do alumnado. A través de experimentación e estratexias de intervención, preténdese combater os prexuízos e hábitos que poñen en perigo a supervivencia do valenciano na zona, ademais de abordar as implicacións psicolóxicas e sociais de pertencer a unha comunidade con lingua e cultura minorizadas.

    27 de agosto de 2024

    A Mesa pola Normalización Lingüística rexeita o anteproxecto de lei de medios públicos audiovisuais de Galicia, pois sinala que o proxecto ignora o papel normalizador da CRTVG e as medidas do Plan xeral de normalización da lingua galega. Por este motivo, esixe un maior compromiso co galego, especialmente nun contexto como o audiovisual onde a presenza deste é case inexistente.

    27 de agosto de 2024

    O Consello de Goberno aprobou a contratación dun servizo de interpretación en lingua de signos para a Radiotelevisión das Illas Baleares, cun investimento de máis dun millón de euros entre 2024 e 2026. Isto permitirá que, por primeira vez, os informativos da televisión autonómica se emitan en lingua de signos. Ademais, tamén se incrementará a subtitulación ao 75 % da programación, o que mellorará a accesibilidade para persoas con discapacidade auditiva.

    26 de agosto de 2024

    Un grupo de investigadores do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts, EUA, identificou grupos de neuronas que parecen procesar elementos lingüísticos en diferentes escalas temporais. Cada unha destas escalas podería facer referencia a diferentes funcións do procesamento lingüístico.

    Fonte: MIT News

    26 de agosto de 2024

    "Línguas africanas que fazem o Brasil" é o título da nova exposición do Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo que fala das contribucións africanas na lingua portuguesa falada no Brasil.

    Fonte: Brasil de Fato

    26 de agosto de 2024

    O 25 de agosto de cada ano, Paraguai celebra o Día do Idioma Guaraní para conmemorar o recoñecemento oficial desta lingua na promulgación da súa Constitución Nacional.

    Fonte: El Nacional

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder