Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    18 de xuño de 2024

    A música galega e en galego é a protagonista do festival Acento, programado pola Fundación SGAE no adro da súa sede de Santiago de Compostela para o vindeiro 21 de xuño, cun cartel que conta coas actuacións de Carolina Rubirosa, Gargantúa, De Vacas, Carlos Ares e o DJ set de Abraham Boba.

    18 de xuño de 2024

    O xigante tecnolóxico Google lanza na India a aplicación por intelixencia artificial Gemini que dará cobertura a nove linguas vernáculas da India alén do inglés.

    Fonte: The Hindu

    17 de xuño de 2024

    A Obra Cultural Balear  reclama que se aborde o impacto do turismo na sostibilidade lingüística das Illas Baleares. Co apoio de diversas entidades e personalidades, demandan que a perspectiva lingüística se incorpore ao pacto social e político para a sostibilidade do Goberno do arquipélago, xa que sinalan que, sen esta consideración, a situación crítica da lingua e a cultura locais podería agravarse.

    17 de xuño de 2024

    O Concello de Pontevedra celebrou o Día Nacional das Linguas de Signos cun acto no que reivindicou a oficialidade da lingua de signos galega, xa que, segundo un estudo en Galicia hai 29 069 persoas xordas.

    Fonte: La Voz de Galicia

    17 de xuño de 2024

    O Servizo de Garantía dos Dereitos Lingüísticos e o Ararteko asinaron un acordo ata 2028 para protexer os dereitos lingüísticos da cidadanía. O convenio baséase na coordinación, a eficacia e a colaboración, e inclúe a remisión semestral de queixas sobre discriminacións lingüísticas. Tamén se organizarán actividades de promoción e concienciación sobre estes dereitos.

    17 de xuño de 2024

    Un total de 645 estudantes de Bacharelato participarán este verán nas estadías lingüísticas no estranxeiro impulsadas pola Xunta de Galicia co fin de mellorar as súas competencias nos idiomas inglés, francés, portugués e alemán.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    17 de xuño de 2024

    A Xunta de Galicia convoca os Premios da Cultura Galega 2024, certame que recoñece o labor creativo e a súa expansión nos novos espazos actuais desde a súa primeira edición, en setembro de 2010. As oito modalidades convocadas son as de Letras, Artes Visuais, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior.

    17 de xuño de 2024

    Un grupo de expertos tecnolóxicos de Nixeria están a traballar para poder crear ferramentas de intelixencia artificial para linguas africanas como o suahili ou o zulú. Para ter éxito, deberanse resolver antes as cuestións de tipo ético ou superar os retos asociados á escaseza de datos.

    Fonte: Context

    17 de xuño de 2024

    Despois da pandemia da Covid-19, a lingua córnica ten experimentado un importante ascenso en popularidade. Alén do confinamento, este incremento tamén se debe ao éxito da artista galesa Gwenno que emprega a lingua córnica case exclusivamente en todas as súas cancións.

    Fonte: The Guardian

    14 de xuño de 2024

    A compañía aérea islandesa Icelandair pediu desculpas pola utilización de traducións inadecuadas ao islandés na plataforma de entretemento a bordo dos seus avións. As traducións foran realizadas con intelixencia artificial.

    Fonte: Iceland Review

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder