Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de decembro de 2023

    A Real Academia Galega vén de facer pública a Palabra do Ano 2023 que será "cibercarracho, -a", un neoloxismo de recente creación que tira do humor para designar os virus ou actos delituosos de índole informática. "Cibercarracho, -a" é a décima palabra do ano en galego desde que se celebra a votación popular promovida polo Portal das Palabras.

    Fonte: RAG

    27 de decembro de 2023

    O Consello Médico Xeral do Reino Unido, organismo que regula a práctica da medicina de primaria no Reino Unido, aplicará no territorio do País de Gales as normas do Goberno de Gales que garantan o uso diario do galés na práctica médica.

    Fonte: General Medical Council

    27 de decembro de 2023

    O festival de música Geada, que acontece na vila portuguesa de Miranda do Douro, naceu co obxectivo de dar valor e fomentar a lingua e cultura mirandesas, os maiores activos deste territorio do nordeste portugués.

    Fonte: Diário de Trás-os-Montes

    27 de decembro de 2023

    O Centro de Linguas Modernas da Universidade de Santiago de Compostela publicou a convocatoria de cursos de linguas para o segundo semestre do curso 2023-2024 nos campus de Santiago e Lugo. Están dirixidos a alumnado e persoal da USC e a calquera persoa interesada maior de 16 anos.

    Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

    27 de decembro de 2023

    Telefónica Servizos Audiovisuais (TSA) e a Sociedade Informática do Goberno Vasco (EJIE, polas súas siglas en éuscaro) anunciaron que se están a realizar probas para avaliar a viabilidade de usar a dobraxe automática de contidos audiovisuais empregando a intelixencia artificial.

    Fonte: Panorama Auodivisual

    26 de decembro de 2023

    A Facultade de Letras da Universidade de Balkh, en Afganistán, contará a partir de marzo de 2024 con Departamento de Lingua Turca grazas a un esforzo colaborativo entre a universidade e a Axencia Turca de Cooperación e Coordinación (TIKA).

    Fonte: Daily Sabah

    26 de decembro de 2023

    A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela presentaron a campaña AgasallaNós de doazón de voz para o Proxecto Nós. Trátase dunha iniciativa que permitirá recoller a variedade fonética e dialectal de Galicia para permitir que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas do galego.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    26 de decembro de 2023

    En 2023, a Secretaría de Política Lingüística do Departamento de Cultura da Generalitat de Cataluña destinou 890 000 euros a 116 proxectos e 160 000 euros a premios para fomentar o uso do catalán.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    26 de decembro de 2023

    O Instituto Navarro do Éuscaro (Euskarabidea) outorgoulle axudas a 1300 persoas adultas para estudaren éuscaro, un 30 % máis que o curso anterior.

    Fonte: Navarra

    26 de decembro de 2023

    A organización non gobernamental Plataforma pola Lingua (Plataforma per la Llengua) das Illas Baleares terá agora o obxectivo de controlar a visibilidade do catalán en Google.

    Fonte: La Vanguardia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder