Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    21 de decembro de 2023

    Ao longo do ano 2023, apoiáronse 52 editoriais para a tradución dun total de 153 obras non literarias, 30 máis que en 2022, a través de axudas por un importe que ascende a 464 561,54 euros.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    21 de decembro de 2023

    A novena edición do LGx15, un proxecto para compartir argumentos e experiencias para influír no futuro do galego, celebrouse en Pontevedra o pasado 28 de outubro. Os vídeos das diferentes charlas desta iniciativa iranse publicando de aquí a final de ano na canle de Youtube da CTNL.  

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    20 de decembro de 2023

    O novo programa de radio "Cymru United" nace no País de Gales coa intención de promocionar o uso do galés entre todas as persoas, sobre todo, aquelas que non se senten familiarizadas coa lingua vernácula.

    Fonte: Business News Wales

    20 de decembro de 2023

    A listaxe de axudas convocadas pola Deputación de Pontevedra inclúe as entidades culturais beneficiarias da provincia para que desenvolvan actividades de promoción do galego durante o ano 2023.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    20 de decembro de 2023

    O Concello de Narón e a Asociación de Comerciantes do municipio organizan un obradoiro no marco da campaña Narón gaña co galego, que ten como obxectivo promover o uso do galego no comercio local.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    20 de decembro de 2023

    O novo número de Cadernos de Lingua, que xa está dispoñible para a súa descarga na sección de publicacións da Real Academia Galega, aborda temas como a velocidade de lectura en galego ou as perífrases temporais no galego oral contemporáneo, entre outros.

    20 de decembro de 2023

    O programa «Euskara Zinema Aretoetara», que recibirá do Goberno unha subvención de 45 000 euros, busca promover o consumo audiovisual en éuscaro entre a poboación infantil dos centros educativos vascos e a elaboración de material didáctico específico.

    20 de decembro de 2023

    O estudo Les dinàmiques del català entre els joves: reptes, principis i arguments per a l'acció mostra a situación e os retos do catalán entre a mocidade e proporciona uns principios de actuación para fomentar o seu uso neste colectivo.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    20 de decembro de 2023

    Trátase dun convenio polo que a Deputación da Coruña financia con 60 000 euros distintas actividades da Real Academia Galega deste ano.

    Fonte: Real Academia Galega

    20 de decembro de 2023

    Un estudo da Universidade de Cambridge revela que cantarlles aos bebés pode facilitarlles a súa futura adquisición lingüística.

    Fonte: The Guardian

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder