Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    05 de febreiro de 2024

    No acto de recoñecemento da iniciativa «LH Duala Euskaraz» (FP Dual en éuscaro), premiáronse tres entidades que levan a cabo a formación profesional e a inserción laboral do alumnado en éuscaro: Copreci, Aita Menni e Elkarmedia.

    Fonte: Diputación Foral de Gipuzkoa

    05 de febreiro de 2024

    A plataforma dixital 3Cat presentou o Plan de impulso lingüístico que inclúe trinta medidas para desenvolver nos próximos dous anos, entre as que destacan o aumento de películas e series internacionais dobradas en catalán ou a difusión de programas específicos sobre lingua.

    Fonte: El Món

    05 de febreiro de 2024

    A Asociación de Medios en Galego (Amega) conmemora o Día dos Medios en Galego cun programa de actividades que inclúe diferentes rutas xornalísticas en varias vilas galegas.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    05 de febreiro de 2024

    A Xunta de Galicia e o Concello de Arteixo poñen o broche de ouro a un ano de conmemoracións arredor do centenario do pasamento de Manuel Murguía achegándolle á rapazada do municipio a figura do patriarca das Letras Galegas, oriúndo de Arteixo.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    05 de febreiro de 2024

    O Festival Converxencias Portugal-Galicia chega á súa 10ª edición cunha ampla programación cultural composta por música, teatro, danza e literatura que se repartirá do 3 de febreiro ao 9 de marzo entre as localidades de Braga, Ponteareas, A Estrada, Padrón e Santiago de Compostela co apoio da Xunta de Galicia.

    02 de febreiro de 2024

    O centro de formación Stumdi está a introducir un novo curso de tres meses de perfeccionamento da lingua bretoa. A formación terá lugar en cinco localizacións diferentes: Brest, Landerneau, Ploemeur, Vannes e Guingamp.

    Fonte: Ouest France

    02 de febreiro de 2024

    A Universidade Nacional Maior de San Marcos creou o chat de intelixencia artificial Illary, capaz de producir contidos en lingua quechua. Esta ferramenta aspira a se converter nunha peza máis para preservar esta lingua indíxena.

    Fonte: MSN

    02 de febreiro de 2024

    Nace Cultura Activa, unha entidade de promoción da lingua e cultura catalás en Andorra. A organización loitará polos dereitos dos e das catalanofalantes e traballará desde o activismo e a sociedade civil.

    Fonte: El Nacional

    02 de febreiro de 2024

    O Instituto de Estudos Cataláns (IEC) e a Fundación Pere Coromines dixitalizaron o Diccionari etimològic i complementari de la llengua catalana de Joan Coromines, que xa se pode consultar en liña ou descargar en formato pdf.

    Fonte: Públic

    02 de febreiro de 2024

    A campaña «Cada dia una paraula» ten como obxectivo promover cada día, nas redes sociais do Concello, unha palabra en valenciano ao longo do mes de febreiro, co gallo da celebración, o 21 deste mes, do Día Internacional da Lingua Materna.  

    Fonte: Ajuntament de L'Eliana

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder