Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    23 de xaneiro de 2024

    O primeiro ministro de Croacia, Andrej Plenković, presentou finalmente a última versión da Lei sobre a lingua croata que garantirá a protección e a aprendizaxe do idioma no estranxeiro. A medida será adoptada polo Parlamento no mes de marzo.

    Fonte: Euractiv

    23 de xaneiro de 2024

    O estado de Novo México, EUA, quere aprobar unha lei que permitirá crear un fondo fiduciario para que as comunidades indíxenas poidan elaborar programas educativos que garantan a supervivencia das súas linguas nativas.

    Fonte: Source NM

    23 de xaneiro de 2024

    O plan para fomentar o emprego do éuscaro no Concello de Abanto Zierbena ten previstos tres retos para os vindeiros anos: ofrecer os servizos en éuscaro, incrementar o seu uso oral entre o persoal e os responsables políticos, e impulsar unha correcta xestión do plan de uso.

    Fonte: EnAbantoZierbena

    23 de xaneiro de 2024

    O presidente da Deputación de Pontevedra reuniuse con representantes do tecido musical da provincia para comezar a perfilar o contido do programa de difusión de música en galego, unha iniciativa que ten como obxectivo que grupos e solistas que realizan os seus espectáculos nesta lingua actúen en concellos de menos de 50 000 habitantes.

    23 de xaneiro de 2024

    Esta plataforma de contidos educativos audiovisuais en catalán comezará a funcionar en maio e será de acceso universal e gratuíto para a comunidade educativa. Trata temas como matemáticas, historia, arte etc. e ten como obxectivo proporcionar recursos de calidade para as aulas, así como impulsar a lingua.

    Fonte: El Món

    23 de xaneiro de 2024

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na apertura da exposición «55 anos da liturxia en galego (1969-2024)», impulsada pola Editorial SEPT e producida por Merlín Comunicación co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e do Arcebispado de Santiago de Compostela.

    22 de xaneiro de 2024

    Pierre Reding, comisario da Lingua Luxemburguesa do Gran Ducado de Luxemburgo, anunciou a presentación dun curso intensivo de oito semanas que pretende facer máis fácil a aprendizaxe do luxemburgués. 

    Fonte: Luxembourg Times

    22 de xaneiro de 2024

    O Consello Europeo de Investigación financiará un proxecto da Universidade de Hamburgo que pretende promover a investigación sobre a lingua de signos.

    Fonte: Hamburg News

    22 de xaneiro de 2024

    Máis de corenta profesionais da saúde das Terres de l'Ebre participan nestes obradoiros, cuxo obxectivo é fomentar boas prácticas de atención ás persoas usuarias, especialmente en relación cos seus dereitos lingüísticos.  

    Fonte: Generalitat de Cataluña

    22 de xaneiro de 2024

    O colectivo Fala Ceibe do Bierzo proporá unha reforma da Lei da comarca do Bierzo na que se introduza un recoñecemento parcial do galego no que respecta ao seu uso administrativo, así como a creación dun servizo lingüístico que fomente o seu emprego nos entes locais.

    Fonte: La Nueva Crónica

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder