Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    17 de outubro de 2023

    Defensores da lingua galesa da organización Cymdeithas yr Iaith maniféstanse pola falta de servizos en galés na oficina de correos da cidade galesa de Aberystwyth.

    Fonte: Morning Star 

    16 de outubro de 2023

    Un estudo realizado por Kensa Broadhurst, da Universidade de Exeter, revelou que a lingua córnica precisa introducirse no currículo nacional para poder incrementar o seu número de falantes. A participación activa do profesorado no seu ensino vai ser fundamental para atinxir este obxectivo.

    Fonte: Business Cornwall

    16 de outubro de 2023

    O Museo Nacional de Río de Xaneiro recuperou un estudo de hai máis de 40 anos para salvagardar o acervo lingüístico e cultural do idioma indíxena yawalapiti que conta só con tres falantes vivos.

    Fonte: BBC News Brasil

    16 de outubro de 2023

    Big Meu foi o gañador da edición de 2023 do CeibaRimas, celebrada en Santiago de Compostela e que congregou a máis de 250 persoas.

    Fonte: Galicia Confidencial

    16 de outubro de 2023

    Esta convocatoria de formación lingüística e técnica inclúe cursos de coñecementos de valenciano correspondentes aos niveis A2, B1, B2, C1 e C2, así como cursos de linguaxe administrativa.

    Fonte: Generalitat Valenciana

    16 de outubro de 2023

    A Universidade de León recibirá unha subvención de 70 000 euros da Junta de Castela e León para financiar actuacións de protección, uso e promoción do leonés como patrimonio lingüístico da comunidade autónoma.

    Fonte: iLeón

    16 de outubro de 2023

    Esta convocatoria de subvencións está dirixida aos concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades e outras entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2024.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    13 de outubro de 2023

    O Goberno de Casaquistán debate un proxecto de lei que pretende incrementar a presenza da lingua casaca na radio e televisión públicas do 50 % ao 70 %.

    Fonte: The Guardian

    13 de outubro de 2023

    Inmersa nun proceso de cambio e ruptura dos seus lazos con Gran Bretaña, Xamaica está a valorar o recoñecemento da súa lingua crioula, o xamaicano, como idioma oficial á par co inglés.

    Fonte: New York Times

    13 de outubro de 2023

    O representante da Real Academia Galega para o Bierzo denunciou a falta de profesorado de galego nos centros Europa e Virgen de la Encina de Ponferrada, e o Bergidum Flavium de Cacabelos.  

    Fonte: El Bierzo Digital

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder