Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    24 de xullo de 2023

    A actriz e xornalista Nerea Brey recibiu o premio Abrente de Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia pola súa obra Manual de patronaxe. Por outra banda, A Panadaría recibiu o premio do público pola súa peza As que limpan.

    Fonte: Cultura galega

    24 de xullo de 2023

    A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Real Academia Galega (RAG) clausuraron a trixésimo terceira edición dos cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" que contou coa participación de medio cento de estudantes de países de tres continentes.

    Fonte: USC

    24 de xullo de 2023

    O presidente da República de Suráfrica, Cyril Ramaphosa, asinou en Pretoria a Lei da Lingua de Signos Surafricana que garante o seu recoñecemento como lingua oficial, a décimo segunda do país.

    Fonte: TRT

    24 de xullo de 2023

    A Asociación de Universidades de Lingua Portuguesa (AULP, polas súas siglas en portugués) convocou a nova edición do Premio Fernão Mendes Pinto que galardoa as teses de doutoramento ou mestrado que contribúan á aproximación das comunidades de lingua portuguesa.

    Fonte: Expresso das Ilhas

    22 de xullo de 2023

    O filme O Corno, da cineasta vasca Jaione Camborda, será a primeira longametraxe en galego que competirá para a Cuncha de Ouro na sección oficial do Festival de San Sebastián.

    Fonte: El Diario

    22 de xullo de 2023

    Co fin de conmemorar o paso de Federico García Lorca por Compostela, que deixou a redacción de poemas en lingua galega, o Consorcio de Santiago inaugura agora na Casa do Cabido a mostra "Lorca en Compostela".

    Fonte: Consorcio de Santiago

    22 de xullo de 2023

    O Goberno de Timor Leste avaliará a expansión do proxecto de escolas luso-timorenses a postos administrativos do país co obxectivo de promover o coñecemento da lingua portuguesa a través da cualificación de profesores timorenses.

    Fonte: Observatório da Lingua Portuguesa

    22 de xullo de 2023

    A Associaçom Galega da Língua (AGAL) renovou a súa presidencia na asemblea celebrada no Museo do Pobo Galego. O médico Jon Amil será o novo presidente da entidade reintegracionista, acompañado por un equipo no que se combinan nomes da anterior directiva con novas caras.

    Fonte: Cultura galega

    21 de xullo de 2023

    O académico e catedrático da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Costas, compareceu na Asemblea da República Portuguesa como experto en linguas minoritarias onde presentou unha proposta para a salvagarda da lingua mirandesa.

    Fonte: Real Academia Galega 

    21 de xullo de 2023

    A Cámara de Comercio de España e a Fundación pro Real Academia Española asinaron un acordo de colaboración que permitirá sacar adiante diferentes proxectos entre os que destaca o novo Dicionario da Lingua Española.

    Fonte: Economía Digital

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder