Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    07 de xuño de 2023

    O Consello de Goberno crea o premio Kiroletik Bagoaz Euskaraz, que ten a súa orixe no Plan de Promoción do Éuscaro no Deporte 2021-2024, para recoñecer as asociacións e os particulares que traballan de forma sistemática para fomentar o uso do éuscaro no ámbito deportivo.

    Fonte: Gobierno Vasco

    07 de xuño de 2023

    O volume Persente i feturo de la lhéngua mirandesa: studo de ls usos, atitudes i cumpeténcias lhenguísticas de la populaçom mirandesa, publicado hai dous meses pola Universidade de Vigo, foi citado por varios deputados do Parlamento portugués para esixir unha intervención do Goberno luso na protección do mirandés.

    07 de xuño de 2023

    Segundo un estudo realizado pola Alianza para a presenza dixital do catalán, as visitas en Google nesta lingua descenderon en dúas de cada tres páxinas web. Así mesmo, o 66,5 % dos sitios web en catalán reduciron a súa visibilidade respecto ao contido equivalente en castelán.

    07 de xuño de 2023

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de entrega dos V Premios de Podcast Xosé Mosquera Pérez, "O Vello dos contos". De entre os máis de 70 traballos recibidos, resultaron gañadores o Colexio de Atín-Cela de Mos e o Instituto de Cotobade, en Cerdedo-Cotobade, ambos na provincia de Pontevedra.

    07 de xuño de 2023

    O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou na presentación das primeiras ferramentas resultantes do Proxecto Nós, a iniciativa que traballa en incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais. Trátase de tres aplicacións sen precedente en Galicia que permitirán a interacción en lingua galega entre as persoas usuarias e os dispositivos tecnolóxicos.

    07 de xuño de 2023

    O municipio portugués de Portimão e a Biblioteca Manuel Teixeira Gomes convocaron a edición 2023 do Premio Literario Manuel Teixeira Gomes que ten como obxectivo estimular a creación literaria no xénero de novela en lingua portuguesa.

    Fonte: Mais Algarve

    06 de xuño de 2023

    O Goberno de Macau vai lanzar un curso de formación en linga portuguesa de catro anos destinado a aqueles estudantes que queiran proseguir estudos en Portugal.

    Fonte: SAPO

    06 de xuño de 2023

    O mundo celebra o Día Internacional da Lingua Rusa instaurado polas Nacións Unidas para apoiar e promover o plurilingüismo e a diversidade cultural.

    Fonte: Chronicle

    06 de xuño de 2023

    Co fin de seguir avanzando nos obxectivos marcados no Plan de Acción para a Promoción do Éuscaro, Vitoria-Gasteiz aposta por priorizar o fomento do éuscaro nos sectores máis próximos á cidadanía e que teñen un grande impacto na vida social da cidade. Para conseguilo, conta cun orzamento de 50 000 euros e levará a cabo unha campaña de sensibilización que pretende responder ás necesidades e dificultades da promoción desta lingua.

    05 de xuño de 2023

    No ámbito dun proxecto de reforzo da gobernación urbana e a inclusión social, un grupo de 81 funcionarias e funcionarios do municipio de Dili, capital de Timor Leste, recibiron un certificado de capacitación en lingua portuguesa.

    Fonte: E-global

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder