Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    31 de maio de 2023

    Os datos do censo do ano 2022 na República de Irlanda revelaron que o número de persoas que afirma que pode falar gaélico irlandés aumentou un 6 %. Un total de 1,8 millóns de irlandeses afirmaron que poden falar a lingua e un pouco máis de medio millón declararon que a falan diariamente como parte do sistema educativo.

    Fonte: Irish Examiner 

    30 de maio de 2023

    Fabrican en Costa do Marfil un teléfono móbil equipado con intelixencia artificial que pode funcionar en 100 linguas e dialectos africanos. O aparello permitirá que moitas persoas que non saben ler e escribir poidan acceder ao mundo dixital.

    Fonte: SIC Notícias

    30 de maio de 2023

    Ao longo dos meses de xuño e xullo, Gure Zirkua, o primeiro circo integramente en éuscaro, chega a Portugalete co obxectivo de reivindicar a cultura vasca.

    Fonte: El Correo

    30 de maio de 2023

    O Concello de Pamplona destinará 90 000 euros a fomentar, divulgar e normalizar o uso do éuscaro mediante actividades organizadas por entidades sen ánimo de lucro e dirixidas á cidadanía.

    Fonte: Noticias de Navarra

    30 de maio de 2023

    Para frear o retroceso no uso do catalán nos centros educativos, a Generalitat presentou unha nova medida pola que estes poderán solicitar ata 1300 euros para accións de fomento desta lingua. Entre elas, recomendan o proxecto Revista Escolar Dixital, unha rede de diarios escolares dirixidos polo alumnado de primaria, secundaria e bacharelato.

    29 de maio de 2023

    A vicepresidenta de Colombia, Francia Márquez, anunciou, despois da súa visita ao continente africano, que formalizou as relacións para que a cidadanía colombiana poida acceder a bolsas para aprender o suahili, un dos idiomas máis importantes de África.

    Fonte: El Colombiano

    29 de maio de 2023

    O Goberno do Perú permitirá que o Rexistro Nacional de Identificación e Estado Civil (Reniec, polas súas siglas en castelán) poida emitir actas rexistrais en lingua asháninka e castelán. Con este idioma, xa son vinte e dúas as linguas orixinarias nas que se pode facer este trámite.

    Fonte: Panamericana

    29 de maio de 2023

    A estrela coñecida como GJ 486 e o seu planeta pasarán a denominarse coas palabras en éuscaro Gar e Su, mentres que o sistema de WASP-166 recibirá os nomes de Filetdor e Catalineta, da tradición oral mallorquina.

    Fonte: The Objective

    27 de maio de 2023

    A lingua de signos surafricana pode converterse en breve no duodécimo idioma oficial de Suráfrica despois de que o Parlamento aprobase a necesaria modificación da Constitución para que a oficialización poida ter lugar.

    Fonte: The Conversation

    26 de maio de 2023

    Esta oficina conta cunha traballadora que domina as linguas de signos catalá, española e internacional e agora poderá mellorar a atención das persoas xordas mediante un dispositivo de videointerpretación.  

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder