Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    25 de abril de 2023

    As axudas van dirixidas a entidades sen ánimo de lucro e o seu obxectivo é financiar a realización de actividades culturais relacionadas coa promoción e sensibilización social do patrimonio lingüístico de Aragón. A Dirección Xeral de Política Lingüística prevé destinar a esta iniciativa un orzamento de 30 000 euros.

    Fonte: Heraldo

    25 de abril de 2023

    O Goberno de Navarra convoca subvencións para que as persoas adultas aprendan éuscaro en internados, cursos extensivos e intensivos, de autoaprendizaxe e cursos específicos. O alumnado destinatario pode solicitar axuda para máis dun curso dentro do curso escolar.

    Fonte: Navarra.es

    25 de abril de 2023

    O gaélico irlandés volverá estar presente nunha canción do festival Eurosong 2023 grazas ao intérprete Adgy, que cantará unha parte da súa canción nesta lingua. Desde 1999, ningún cantante empregara a lingua vernácula de Irlanda neste certame que escollerá a persoa representante de Irlanda en Eurovisión. 

    Fonte: ESCplus

    25 de abril de 2023

    O Ministerio de Educación e da Lingua Galesa do País de Gales convocou bolsas de 5000 libras esterlinas para incentivar a contratación de profesorado que poida impartir materias en galés.

    Fonte: Llywodraeth Cymru / Welsh Government

    25 de abril de 2023

    O incremento da dobraxe en éuscaro mellorou as expectativas dos profesionais do sector, sobre todo, grazas á animación, que representa o 85 % do que se dobra.   

    Fonte: Cadena SER

    25 de abril de 2023

    O INE fixo públicos recentemente os datos da Enquisa de Características Esenciais da Poboación e Vivendas correspondentes ao ano 2021 que sinalan que arredor de 13 millóns de persoas entenden o catalán en todo o Estado español, onde, tamén apuntan, é a segunda lingua inicial e que a saben falar 11,5 millóns de persoas.

    25 de abril de 2023

    A Xunta de Galicia publica no Diario Oficial de Galicia as datas das probas que permiten obter os certificados acreditativos dos niveis de lingua galega Celga 1, 2, 3 e 4, que terán lugar simultaneamente nas dúas sedes habituais, Santiago de Compostela e Ponferrada (León), entre o 13 de maio e o 3 de xuño.

    25 de abril de 2023

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela na entrega do XXXI Rally Matemático sen Fronteiras, impulsado pola Institución Galega de Ciencia, Igaciencia, co apoio da Xunta.

    24 de abril de 2023

    Coa intención de conmemorar o falecemento de William Shakespeare, a ONU celebra o Día da Lingua Inglesa. Con esta efeméride a organización pretende ademais promover o multilingüismo e a diversidade cultural en todo o mundo.

    Fonte: Free Press Journal

    24 de abril de 2023

    Co fin de celebrar a diversidade das culturas presentes en todo o mundo, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) escolleu as linguas indíxenas como tema do Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor.

    Fonte: ONU News

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder