A Xunta de Galicia, en colaboración coa Radio Galega, vén de convocar o V Concurso de Podcasts-Radio na biblio, que este ano se centra na figura de Francisco Fernández del Riego. Nesta edición promóvense os traballos enfocados a salientar a valoración da lingua materna, reforzar a lectura en galego ou o achegamento ao mundo da edición e da tradución.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A undécima edición do Galegote Rock, que se celebrará en Pontevedra os días 5 e 6 de maio, contará coa participación de catorce grupos e artistas que fan música en galego.
Fonte: Pontevedra Viva!
Baixo o título A reflexión sobre a lingua na sociedade: alén dun contido curricular, unha necesidade estratéxica. Propostas para a docencia, esta guía dirixida a docentes de secundaria ten como obxectivo impulsar unha reflexión crítica entre a mocidade respecto da situación social do galego.
Vilagarcía acolleu a presentación da campaña «É túa. Pásaa!», unha iniciativa da plataforma Alingua para promover o uso do galego que inclúe unha webserie, entrevistas, un vídeo musical e diferentes accións de promoción desta lingua.
Fonte: Consello da Cultura Galega
A Xunta de Galicia e a Fundación Castelao veñen de ratificar un acordo polo que se cede a esta institución un espazo na Cidade da Cultura para a instalación dunha sede e a realización de actividades culturais e de divulgación ao redor da figura do creador e escritor de Rianxo.
O Goberno vasco recoñecerá de maneira automática a validez, na Comunidade Autónoma Vasca, dos títulos oficiais de éuscaro expendidos polo Departamento de Educación do Goberno de Navarra e polo Organismo Público da Lingua Vasca de Iparralde. Así, xa non é necesaria unha análise técnica para lograr a validación dos títulos.
Fonte: Noticias de Navarra
A asociación Òmnium Cultural e a Unión de Federacións Deportivas de Cataluña crean a campaña “L’esport treu la llengua”, co fin de colaborar para aumentar o uso do catalán nos equipos e reivindicar esta lingua como unha ferramenta de cohesión social e de autoestima colectiva. Máis de medio millón de deportistas federados de Cataluña xa se adheriron a esta iniciativa, que pretende chegar aos 750 000.
Fonte: El Nacional.cat
O ministro de Educación de Francia, Pap Ndiaye, autorizou que o alumnado de secundaria poida examinarse en éuscaro na materia de ciencias nas probas que dan acceso ao título de etapa.
Fonte: Mediabask
A compañía aérea Air Canada foi acusada de non cumprir as leis do bilingüismo do Canadá tras ofrecer un servizo non adecuado en francés durante un voo.
Fonte: Business Traveler
O Departamento de Educación subvenciona actividades extraescolares culturais desenvolvidas integramente en éuscaro, como teatro, canto, poesía, e actividades abertas á cidadanía en xeral, para motivar o alumnado mediante a súa implicación na produción cultural nesta lingua.
Fonte: Navarra.es
Boletín
Subscríbase ao boletín



