Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    08 de febreiro de 2023

    O orzamento do Departamento de Cultura da Generalitat de Cataluña aumenta cunha diferenza de 101 millóns de euros con respecto ao ano anterior e un dos seus principais obxectivos é potenciar o catalán, o aranés e a lingua de signos catalá.

    Fonte: El Periódico

    08 de febreiro de 2023

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación da programación do Día dos Medios en Galego, unha conmemoración impulsada pola Asociación de Medios en Galego (Amega) co gallo da primeira publicación xornalística en lingua galega, O Tío Marcos d´a Portela, editada por Valentín Lamas Carvajal en 1876.

    07 de febreiro de 2023

    A canle de televisión en lingua galesa S4C estreará Stori’r Iaith, unha serie que fará un repaso exhaustivo da historia da lingua galesa e a relación especial que os presentadores teñen con ela.

    Fonte: Nation Cymru

    07 de febreiro de 2023

    A empresa Meta anunciou que vai agora incluír o friulano como lingua de configuración na rede social Facebook.

    Fonte: Meta

    07 de febreiro de 2023

    A serie documental pertence ao proxecto “Vozes en o zierzo/veus en el cerç/voces en el cierzo”, promovido pola Dirección Xeral de Política Lingüística do Goberno de Aragón, e consta de 14 episodios que contarán coas voces de 16 especialistas para explicar a historia do aragonés e do catalán de Aragón a través de máis de mil anos.

    Fonte: Corporación Aragonesa de Radio y Televisión

    07 de febreiro de 2023

    O obxectivo do Concello de Oiartzun é destacar as empresas que tomaron medidas para incrementar a presenza do éuscaro durante os últimos 15 anos e que incorporaron a igualdade lingüística á súa xestión. Así, identificou un total de 96 empresas que traballan en diferentes áreas e que desenvolven plans de éuscaro ou levan a cabo accións concretas como a tradución da rotulación a esta lingua, de páxinas web ou a oferta de documentos en dous idiomas.

    07 de febreiro de 2023

    Coa colaboración da plataforma Galicia Nomeada, as áreas de Igualdade e Cultura do Concello de Allariz impulsan “A Memoria das Aldeas”, que recolle a toponimia da zona para evitar que desaparezan os nomes das terras, regatos, penedos e fontes que só as persoas maiores recordan. Para acadar o seu obxectivo, o proxecto levarase a cabo en 12 asociacións veciñais ata o mes de maio.

    Fonte: Galicia Confidencial

    07 de febreiro de 2023

    A 9ª edición do festival cultural Converxencias Portugal-Galicia homenaxeará a Rosalía de Castro nas localidades de Braga (Portugal), Ponteareas e Santiago de Compostela a través da música, da danza, do teatro, do cine, dos faladoiros, da poesía, das exposicións e das visitas guiadas.

    06 de febreiro de 2023

    Lanzan unha petición en liña para demandarlle ao municipio francés de Rodez (Rodés, en occitano) que manteña e protexa Estivada, un festival interrexional de lingua e cultura occitanas.

    Fonte: Jornalet

    06 de febreiro de 2023

    O presidente do Parlamento de Galicia reuniuse en Lisboa co  presidente da Asemblea Lexislativa da República de Portugal ao que lle trasladou o interese de Galicia por afondar nas relacións cos países e comunidades de lingua portuguesa.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder