Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    04 de xaneiro de 2023

    O Concello de Oleiros está a desenvolver o proxecto Apego, xunto con outros 16 municipios, que ten como obxectivo promover o uso da lingua galega entre as familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos mediante a organización de numerosas actividades como concertos, contacontos...

    Fonte: La Opinión

    04 de xaneiro de 2023

    A Xunta de Galicia vén de recorrer a decisión do Instituto Xeográfico Nacional (IGN) sobre a denominación oficial da ría de Ribadeo. O Goberno galego presenta un recurso de alzada ante o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana logo de que outorgase ao topónimo Ría del Eo carácter de nome alternativo, o que supón o mesmo nivel de oficialidade e uso que Ría de Ribadeo.

    04 de xaneiro de 2023

    Ao abeiro da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, convocáronse en Galicia 53 prazas de lingua de diferentes perfís que se distribúen así: 22 prazas en 21 entidades locais e 31, na Xunta.

    Fonte: CTNL

    03 de xaneiro de 2023

    Segundo o TSXPV, a Administración local non pode impoñer as esixencias de éuscaro do funcionariado ao persoal das subcontratas que lles presten servizos. Dálle así a razón a CC. OO. e anula o punto do perfil lingüístico dun prego de condicións técnicas dun contrato a unha empresa privada do Concello de Barakaldo.  

    03 de xaneiro de 2023

    O centro de terminoloxía e lexicografía Uzei presentou Neoloteka, un sitio web de neoloxismos en éuscaro no que se recollerán novas palabras e locucións nesta lingua que se irá actualizando continuamente con novas entradas.

    Fonte: EITB

    02 de xaneiro de 2023

    O ministro do Interior de Suíza, Alain Berset, anunciou que vai presentar dúas propostas no Parlamento para recoñecer oficialmente as tres linguas de signos empregadas en Suíza. A Federación Suíza de Persoas Xordas vén defendendo unha lei separada que lexisle e recoñeza o seu uso.

    Fonte: Swissinfo

    02 de xaneiro de 2023

    O recentemente elixido presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, dedicou o seu primeiro día no cargo a establecer lazos cos principais países iberoamericanos e con aqueles de lingua oficial portuguesa, como Portugal, Angola e Timor Leste.

    Fonte: Jornal de Notícias

    02 de xaneiro de 2023

    O Concello de Elgoibar, coa colaboración do Clúster de Sociolingüística, realizou un estudo co que se recoñecen todas as linguas que se falan no municipio e se afonda na convivencia lingüística, poñendo o éuscaro no centro.  

    Fonte: Noticias de Gipuzkoa

    02 de xaneiro de 2023

    O Goberno de Aragón pon a disposición da cidadanía a tradución ao aragonés, realizada por José Solana, dos diálogos de Platón Critón, Los enamorados e Clitofón que se recollen na obra Es alazez de la ziudat.

    Fonte: COPE

    30 de decembro de 2022

    O senador Roberto Menia presentou unha proposta que pretende modificar a constitución italiana para que se recoñeza o italiano como idioma oficial.

    Fonte: Today

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder