Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    28 de decembro de 2022

    O Goberno de Islandia funda o Comité da Lingua Islandesa que se encargará de levar a cabo un plan de acción para promover o uso do islandés na mocidade e apoiar a poboación inmigrante na aprendizaxe da lingua islandesa.

    Fonte: Iceland Review

    28 de decembro de 2022

    Educadores de fala galesa da provincia arxentina de Chubut demandan un maior número de profesores e profesoras nas escolas bilingües galés-español para manter viva a lingua galesa na comunidade local. Actualmente entre 2000 e 5000 persoas falan galés na Arxentina.

    Fonte: BBC

    27 de decembro de 2022

    O Concello de Vitoria-Gasteiz apoia os euskaltegis homologados por HABE cunha convocatoria de axudas de 75 000 euros, distribuída en proporción ao número de horas impartidas durante o curso 2021/2022.

    Fonte: Noticias de Álava

    27 de decembro de 2022

    O ministro de Estado para as Gaeltacht e Deportes da República de Irlanda, Jack Chambers, anunciou un Plan Dixital para o gaélico irlandés que permitirá que cada vez máis institucións e empresas poidan empregar esta lingua como idioma de opción para os seus servizos dixitais.

    Fonte: Gov.ie

    27 de decembro de 2022

    Cada vez máis voces acusan o Partido Popular indio e o primeiro ministro Narendra Modi de desenvolver unha política de imposición do hindi como primeira lingua de todo o país.

    Fonte: The Guardian

    26 de decembro de 2022

    A Cinemateca de Xerusalén organizará no mes de xaneiro un ciclo de cinema dedicado á figura do escritor portugués José Saramago coa proxección de filmes sobre a vida e obra do autor.

    Fonte: Sapo

    26 de decembro de 2022

    O Goberno valenciano modifica a Lei do Estatuto dos Consumidores para engadir como infracción sancionable a discriminación lingüística e poderá impor multas de ata 3000 euros a comercios e empresas que deneguen a atención en valenciano.

    Fonte: ABC

    26 de decembro de 2022

    O Goberno vasco leva a cabo unha sondaxe sobre o éuscaro, a través de 1200 entrevistas telefónicas, e determina que o 95 % da poboación vasca considera que a Administración debería atender sempre no idioma que elixa a cidadanía e que o 90 % pensa que as empresas e entidades privadas tamén deberían atender a súa clientela do mesmo modo.

    Fonte: Deia

    26 de decembro de 2022

    O organismo de defensa do francés no Quebec, a Oficina Quebequesa da Lingua Francesa, advertiu que 47 distritos e cidades de todo o Quebec poderían perder o seu status bilingüe se as institucións non toman medidas para garantir a promoción das dúas linguas oficiais.

    Fonte: Montreal Gazette

    23 de decembro de 2022

    O número de falantes de lingua mapuche en Chile está caendo notablemente nos últimos anos debido a unha falta de políticas de preservación e promoción por parte das institucións.

    Fonte: La Razón

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder