Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    14 de xullo de 2022

    Iniciativa polo Asturiano propón que os guías turísticos se formen na súa propia lingua, posto que unha certificación do coñecemento da lingua asturiana engadida á oferta turística permite a promoción e normalización social do asturiano, o coñecemento e a formación nesta lingua e darlle máis valor e prestixio.

    Fonte: Asturies.com

    14 de xullo de 2022

    A Academia Valenciana da Lingua (AVL) e o Instituto Ramon Llull organizan unha nova edición da Estancia Lingüística en Valencia na que participan trinta estudantes do valenciano de todo o mundo, co obxectivo de mellorar a súa competencia lingüística e os seus coñecementos culturais a través de cursos, conferencias e visitas, entre outras actividades.

    Fonte: La Vanguardia

    14 de xullo de 2022

    A Real Academia Galega lamenta o pasamento do académico de honra Basilio Losada. Natural de Láncara e emigrante en Cataluña desde cativo, exerceu de auténtico embaixador da lingua e a cultura galegas en Cataluña.

    Fonte: Real Academia Galega

    14 de xullo de 2022

    O Goberno do País de Gales revelará os plans que permitirán crear 23 novas escolas primarias de inmersión en lingua galesa. O obxectivo é dotar as autoridades locais de máis servizos educativos de inmersión na lingua vernácula.

    Fonte: Cambrian News

    13 de xullo de 2022

    A Mesa denuncia que as axudas para a adquisición de novidades editoriais e para a mellora das coleccións das bibliotecas das entidades locais convocadas pola Xunta de Galicia van en prexuízo da lingua galega, en favor da española.

    Fonte: A Mesa pola Normalización Lingüística

    13 de xullo de 2022

    A serie surcoreana Round 6 converteuse na primeira producida en lingua non inglesa a concorrer aos premios Emmy, garardóns que se conceden cada ano no eido da industria da televisión estadounidense.

    Fonte: G1

    13 de xullo de 2022

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na inauguración do curso de verán Tecnoloxías da linguaxe: as linguas na sociedade e na economía dixitais, impulsado pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago a través do Instituto da Lingua Galega e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes e coa colaboración de Microsoft.

    13 de xullo de 2022

    Despois de responder a unha serie de preguntas sobre a compaxinación do catalán e do castelán, un 16 % dos centros educativos cataláns terá que cambiar o seu proxecto lingüístico para adaptarse á nova normativa e ao novo decreto aprobado polo Goberno de Cataluña, que establece o catalán como lingua vehicular do sistema educativo e que tamén permite incluír o castelán como vehicular.

    Fonte: El Nacional.cat

    13 de xullo de 2022

    O Goberno vasco aprobou a convocatoria de axudas dirixida a fomentar o uso e a presenza do éuscaro nos centros de traballo de sectores privados. Algunhas das actividades que se subvencionan son o diagnóstico da situación desta lingua e o desenvolvemento de proxectos lingüísticos estratéxicos.

    Fonte: Noticias de Gipuzkoa

    13 de xullo de 2022

    O Goberno balear comprométese a aumentar a oferta de cursos de catalán da Escola Balear de Administración Pública para os funcionarios, que terán que presentarse obrigatoriamente ás probas organizadas por esta escola e a Dirección Xeral de Política Lingüística para obter o certificado de coñecementos da lingua catalá correspondente.

    Fonte: Crónica Balear

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder