Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de xullo de 2022

    A Mesa denuncia que as axudas para a adquisición de novidades editoriais e para a mellora das coleccións das bibliotecas das entidades locais convocadas pola Xunta de Galicia van en prexuízo da lingua galega, en favor da española.

    Fonte: A Mesa pola Normalización Lingüística

    13 de xullo de 2022

    A serie surcoreana Round 6 converteuse na primeira producida en lingua non inglesa a concorrer aos premios Emmy, garardóns que se conceden cada ano no eido da industria da televisión estadounidense.

    Fonte: G1

    13 de xullo de 2022

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na inauguración do curso de verán Tecnoloxías da linguaxe: as linguas na sociedade e na economía dixitais, impulsado pola Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago a través do Instituto da Lingua Galega e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes e coa colaboración de Microsoft.

    13 de xullo de 2022

    Despois de responder a unha serie de preguntas sobre a compaxinación do catalán e do castelán, un 16 % dos centros educativos cataláns terá que cambiar o seu proxecto lingüístico para adaptarse á nova normativa e ao novo decreto aprobado polo Goberno de Cataluña, que establece o catalán como lingua vehicular do sistema educativo e que tamén permite incluír o castelán como vehicular.

    Fonte: El Nacional.cat

    13 de xullo de 2022

    O Goberno vasco aprobou a convocatoria de axudas dirixida a fomentar o uso e a presenza do éuscaro nos centros de traballo de sectores privados. Algunhas das actividades que se subvencionan son o diagnóstico da situación desta lingua e o desenvolvemento de proxectos lingüísticos estratéxicos.

    Fonte: Noticias de Gipuzkoa

    13 de xullo de 2022

    O Goberno balear comprométese a aumentar a oferta de cursos de catalán da Escola Balear de Administración Pública para os funcionarios, que terán que presentarse obrigatoriamente ás probas organizadas por esta escola e a Dirección Xeral de Política Lingüística para obter o certificado de coñecementos da lingua catalá correspondente.

    Fonte: Crónica Balear

    12 de xullo de 2022

    A Real Academia Galega acordou nomear a María López Sández como nova integrante de número da entidade. A investigadora e creadora ocupará a cadeira de Darío Xohán Cabana.

    Fonte: Cultura galega

    12 de xullo de 2022

    A empresa de tecnoloxía e redes sociais Meta acaba de presentar un proxecto de intelixencia artificial que é capaz de traducir en tempo real e dominar un total de 200 linguas.

    Fonte: Computer Hoy

    12 de xullo de 2022

    Centenas de mozos e mozas e as súas respectivas familias achegáronse ao Instituto Camões de Luxemburgo para recibiren os seus certificados de proficiencia en lingua portuguesa. Foron máis de 350 as persoas que recibiron o convite para a cerimonia de entrega, unha iniciativa que contou coa presenza de António Gamito, embaixador de Portugal en Luxemburgo.

    Fonte: Bom dia

     

    12 de xullo de 2022

    As entidades que representan o alumnado xordo escolarizado en Cataluña piden unha educación bilingüe en catalán e castelán de calidade, para todas as etapas educativas e con profesionais competentes en lingua de signos. O obxectivo das familias que forman parte destas entidades é recibir orientacións para a comunicación ou socialización dos seus fillos e das súas fillas e que adquiran unha competencia plurilingüe.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder