O Goberno do Principado de Asturias aprobou o decreto polo que se crea e regula a Rede de Normalización Lingüística, un órgano que ten como obxectivo reforzar a coordinación entre a Administración autonómica e a local para fomentar o uso do asturiano e o eonaviego.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román González, e o presidente de Renfe, Isaías Táboas, asinaron en Santiago de Compostela un acordo de colaboración para homenaxear a Florencio Delgado Gurriarán, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
Fonte: O Portal da Lingua Galega
O Consello de Cornualles renova o proxecto co que aspira a seguir promocionando a lingua córnica un ano despois de que o Reino Unido considerase a Cornualles como minoría nacional.
Fonte: Cornwal Council
A organización sen ánimo de lucro, Gael Linn, lanzou o proxecto Féidir Linn para axudar as familias a incrementar o uso do gaélico irlandés.
Fonte: Irish Central
Diversos acontecementos acaecidos nos últimos tempos demostran a situación en desvantaxe da lingua francesa no Canadá. Por exemplo, ultimamente saíu á luz que non existen membros de mando que falen francés na empresa ferroviaria CN e isto demanda unha resposta contundente por parte do primeiro ministro Justin Trudeau.
Fonte: France 24
A autoridade unitaria de Carmarthenshire, no norte do País de Gales, aprobou medidas que axudarán a potenciar o uso do galés nas pequenas empresas.
Fonte: Nation Cymru
O Partido Laborista de Australia prometeu financiar o estudo dunha lingua comunitaria en escolas locais se gaña as eleccións do mes de maio.
Fonte: The Sydney Morning Herald
O Vocabulario de redes sociais, elaborado polo Centro de Terminoloxía TERMCAT e Realiter, conta cunha nova versión ampliada, na que se inclúen 173 termos e as equivalencias en seis linguas románicas: catalán, castelán (variantes de Europa e de México), francés, galego, italiano e portugués (variantes de Europa e do Brasil).
Fonte: Consello da Cultura Galega
Behatokia, o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, recibiu 1200 solicitudes dirixidas ao Goberno de Navarra nas que se denuncia a imposibilidade de recibir servizos públicos en éuscaro, razón pola que se convoca unha manifestación para o 7 de maio na que se pedirá que se tomen medidas para reverter esta situación.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu á presentación do libro Tempo novo, de Xosé Neira Vilas, publicado pola Editorial Galaxia co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Boletín
Subscríbase ao boletín



