Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    29 de novembro de 2021

    A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abren o prazo para a elección colectiva da Palabra do Ano, unha iniciativa que ten como obxectivo a difusión do léxico galego. Comeza así a primeira fase do proceso, centrada na recollida de propostas, a través do Portal das Palabras.

    Fonte: Real Academia Galega

    29 de novembro de 2021

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acudiu á sede do Consello da Cultura Galega para inaugurar a XVII Xornada de Dinamización Lingüística, organizada cada ano por Escolas Católicas en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

    29 de novembro de 2021

    O programa de actividades da feira Culturgal inclúe, entre as diferentes presentacións, unha centrada nas principais iniciativas para impulsar o potencial do sector do videoxogo a través do Hub Audiovisual, que está a deseñar a Xunta de Galicia en colaboración coa asociación Videoxogo.gal.

    26 de novembro de 2021

    Unha boa parte do profesorado de Inglaterra rexeita o novo plan que quere implementar o goberno para incentivar a aprendizaxe de linguas estranxeiras nas escolas de ensino secundario. A medida contempla impor a memorización de listas de palabras.

    Fonte: The Guardian

    26 de novembro de 2021

    A Universidade de Cabo Verde inaugurou a primeira licenciatura en Lingua, Literatura e Cultura Chinesas do país insular. De momento xa se inscribiu un total de 20 alumnas e alumnos.

    Fonte: Plataforma Media

    26 de novembro de 2021

    O Concello de Palma repartiu entre o seu funcionariado un resumo da normativa lingüística municipal. Nesta establécese que deben usar o catalán na tramitación de documentos e na relación coa cidadanía, coa que só empregarán o castelán se piden atención nesta lingua.  

    Fonte: Faro de Vigo

    26 de novembro de 2021

    A campaña «Creixent al caliu» pon a disposición das escolas infantís de Valencia material didáctico e un programa de actividades para a promoción do uso do valenciano como lingua transversal co obxectivo de sensibilizar as familias e a sociedade en xeral sobre a importancia da transmisión desta lingua.

    26 de novembro de 2021

    A ministra de Cambio Climático do Goberno de Gales, Julie James, declarou que un novo plan abordará o impacto que a construción de novas vivendas pode ter nas comunidades falantes de galés.

    Fonte: Property Reporter

    26 de novembro de 2021

    A partir do próximo ano, o Premio Literario José Saramago pasará a premiar obras de ficción inéditas de autoras e autores de lingua portuguesa que teñan un máximo de 40 anos.

    Fonte: Observador

    25 de novembro de 2021

    A terceira edición de Euskaraldia, cuxa prioridade será dotar a cidadanía de recursos máis eficaces para cambiar os seus hábitos lingüísticos, celebrarase o vindeiro ano baixo o lema «Hitzez ekiteko garaia» (tempo de actuar coa palabra).

    Fonte: El Diario Vasco

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder