Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    24 de novembro de 2021

    Segundo un informe sobre normalización do uso do éuscaro no sector público vasco, oito de cada dez persoas que traballan na Administración pública teñen capacidade para entender éuscaro, e sete de cada dez son capaces de falalo e escribilo.

    Fonte: Gobierno Vasco

    23 de novembro de 2021

    Organizacións a prol do gaélico irlandés, como Conradh na Gaeilge, declararon que é inaceptable que o Parlamento do Reino Unido en Westminster siga demorando a aprobación de lexislación que garanta e protexa o uso do gaélico irlandés en Irlanda do Norte.

    Fonte: The Irish News

    23 de novembro de 2021

    Un acordo de lexislatura entre laboristas e independentistas na Asemblea de Gales permitirá impulsar o uso vehicular do galés por medio dunha Lei de Ensino en Lingua Galesa.

    Fonte: Nationalia

    23 de novembro de 2021

    A Deputación Foral de Áraba e a Universidade do País Vasco convocan as bolsas Henrike Knörr, que teñen como obxectivo impulsar os estudos sobre o uso do éuscaro neste territorio. 

    Fonte: Noticias de Álava

    23 de novembro de 2021

    O primeiro curso de aranés impartido pola Universidade de Barcelona completou as 25 prazas que ofertaba para o nivel A1. A intención é ir ampliando progresivamente a oferta de cursos desta lingua ata chegar ao nivel C2 do MCER.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    23 de novembro de 2021

    A campaña de fomento do valenciano 'Som de barri, de ciutat, de botiga i de mercat', dirixida ao comercio local como sector clave no desenvolvemento das cidades, combina os valores de proximidade, calidade e confianza que comparten este tipo de establecementos e a lingua propia.

    23 de novembro de 2021

    O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación do libro Afonso X e Galicia.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    22 de novembro de 2021

    Representantes da Fundación Wikipedia alertaron que certas entradas da enciclopedia virtual sobre o cambio climático en linguas como o suahili ou o bielorruso ofrecen información enganosa ou conspiradora non contrastada pola ciencia.

    Fonte: BBC

    22 de novembro de 2021

    Un grupo de deputadas e deputados do Parlamento Nacional de Timor Leste presentou un relatorio onde se cuestiona o dominio da lingua portuguesa por parte da comunidade docente do país e propón un cambio na súa formación.

    Fonte: SAPO

    22 de novembro de 2021

    O evento de divulgación científica DivulgaTerra 2021, organizado pola Universidade de Santiago, ten como obxectivo dar a coñecer o traballo investigador do Campus Terra así como fomentar o uso do galego como lingua da comunicación científica.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder