Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    29 de outubro de 2021

    Do 5 ao 12 de novembro celébrase o VIII Viquimarató de la Llengua Catalana, iniciativa que este ano estará centrada na música cantada en catalán. O obxectivo é mellorar e ampliar os contidos de todos os elementos (letras, estilos, actuacións etc.), perfís (grupos, compositores etc.) e xéneros musicais.  

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    29 de outubro de 2021

    Ao abeiro da celebración do XII Día da Ciencia en Galego, a Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) organiza un programa de videoconferencias didácticas, dirixidas aos centros educativos que se desenvolverán ao longo do mes de novembro.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    29 de outubro de 2021

    O obxectivo deste galardón, convocado polo Concello de Ponteareas, é fomentar o uso do galego no ámbito empresarial, así como recoñecer publicamente o compromiso coa normalización lingüística das empresas e profesionais que teñen a súa sede social ou actividade económica no municipio.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    29 de outubro de 2021

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu á presentación do libro A lingua en 2050, un volume colectivo ideado e coordinado polo sociolingüista e profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramallo, que recolle as reflexións, as inquedanzas e os desexos de 25 persoeiros ligados á lingua sobre a situación do galego no 2050.

    29 de outubro de 2021

    Un estudo difundido no País de Gales constata que as persoas que falan galés sofren unha clara discriminación á hora de se presentaren aos exames para obter o permiso de condución.

    Fonte: Nation Cymru

    28 de outubro de 2021

    O Tribunal Supremo anulou un decreto do Goberno balear que eximía o persoal sanitario da obriga de saber catalán para acceder á función pública. O decreto dáballe dous anos de marxe desde a aprobación da oposición para acreditar este coñecemento.

    Fonte: La Vanguardia

    28 de outubro de 2021

    Segundo os datos de xaneiro de 2020 do InformeCAT 2021, a poboación do dominio lingüístico catalán que fala habitualmente esta lingua reduciuse en medio millón con respecto a 2005. Ademais, oito de cada dez catalanfalantes cambian de lingua cando se dirixen a eles en castelán.

    Fonte: Diari Més

    28 de outubro de 2021

    O Goberno vasco presentou “Zure hatz marka euskaraz” (A túa pegada en éuscaro), unha campaña que ten como obxectivo impulsar o uso desta lingua no ámbito dixital en dous eixes: nos contidos que crea a mocidade para as redes sociais e na configuración dos dispositivos.

    28 de outubro de 2021

    A Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos celebra o seu centenario coa xornada “100 anos de Agarimos”, un evento de entretemento que reunirá o vindeiro 30 de outubro no Auditorio de Galicia un conxunto de accións e actuacións para promover o folclore, a tradición e a herdanza cultural galega co apoio da Xunta de Galicia a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22.

    27 de outubro de 2021

    A Comisión de Constitución e Xustiza da Cámara de Deputados do Brasil aprobou a proposta de incluír a lingua española como materia obrigatoria no ensino medio.

    Fonte: Câmara dos Deputados

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder