Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    20 de outubro de 2021

    O Museo da Lingua Portuguesa estrea a exposición temporal Sonhei em português!, un novo espazo expositivo dedicado ao tema das migracións no século XXI.

    Fonte: ABC do ABC

    20 de outubro de 2021

    O proxecto de Residencia de tradución de poesía está destinado a tradutores emerxentes e consolidados de poesía en catalán, galego e éuscaro a polo menos unha destas linguas. Esta iniciativa ten como obxectivo impulsar un intercambio entre as persoas seleccionadas ao tempo que desenvolven un proxecto de tradución individual.

    20 de outubro de 2021

    Aventeira Cooperativa de Educación e Lecer puxo en marcha unha campaña de micromecenado para crear Campa, un xogo de mesa co que pretenden paliar a escaseza deste tipo de produtos de lecer en galego.

    Fonte: Nós Diario

    20 de outubro de 2021

    Segundo o director xeral en funcións da RTPA, no primeiro semestre do ano este ente emitiu en asturiano case 350 horas, o que supón un 10 % da programación.  

    Fonte: Asturies.com

    20 de outubro de 2021

    A campaña "Nós Galego 365" ten como obxectivo fomentar o uso do galego nas panaderías e nos establecementos de venda de pan, así como promover a etiquetaxe de produtos nesta lingua como marca de calidade e de proximidade. Ao abeiro desta iniciativa distribuiranse 25 000 sobres de pan e 2000 bolsas comerciais entre os establecementos colaboradores.

    19 de outubro de 2021

    O filme estoniano On the water entrou na selección de películas que van loitar polo premio á mellor produción en lingua estranxeira dos premios Óscar.

    Fonte: Estonian World

    19 de outubro de 2021

    O profesor e xornalista angolano Ricardo Prata é o autor da nova versión do himno nacional angolano ao kimbundu, unhas das principais linguas vernáculas do país. O autor espera agora que a partir desta versión xurdan novas traducións do himno a outros idiomas nacionais.

    Fonte: DW

    19 de outubro de 2021

    O Concello de Ames presenta a cuarta edición do Premio Lingua e Empresa que ten como obxectivo impulsar o uso da lingua galega na actividade económica e empresarial da localidade.

    Fonte: Concello de Ames

    19 de outubro de 2021

    A anulación da esixencia de coñecemento de éuscaro no cadro de persoal do Concello de Zizur Mayor afecta aos postos de secretaría, técnico de xuventude e operario de obras.

    Fonte: Noticias de Navarra

    19 de outubro de 2021

    Coa colaboración do Goberno de Aragón, a Comunidade de Traballo dos Pireneos traducirá a súa web ao aragonés, unha lingua que irá introducindo de xeito progresivo no funcionamento da organización.

    Fonte: AraInfo

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder