Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    04 de agosto de 2021

    A Asociación Cívica Valenciana Tirant Lo Blanc e a Plataforma pola Lingua promoven durante o verán de 2021 a segunda edición da campaña “Normalitza la platja” para concienciar e facer que se respecte o uso do valenciano como lingua oficial na sinalización das poboacións da costa valenciana.

    Fonte: Plataforma per la Llengua

    04 de agosto de 2021

    O presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, foi o encargado de entregar a nova orde honorífica de Portugal, a medalla Camões, ao Museo da Lingua Portuguesa de São Paulo. 

    Fonte: Público

    04 de agosto de 2021

    Un estudo elaborado polo Consello Superior da Lingua Francesa (CSLF, polas súas siglas en francés) revelou que o uso do inglés como lingua docente nas universidades francófonas do Quebec non é tan dominante como se pensaba nun principio. A análise concluíu que nove de cada dez programas de estudos son ofertados exclusivamente en francés.

    Fonte: CTV News 

     

    04 de agosto de 2021

    Os campamentos de verán da Xunta volven acoller o programa de dinamización lingüística “O galego campa!”, tras o parón do ano pasado, con novas propostas coas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado buscan incidir na expresión persoal e na educación emocional da mocidade.

    03 de agosto de 2021

    Un acordo de colaboración entre o Consulado de Francia en Nova Orleans e o Ministerio de Educación de España permitirá que un total de 80 profesores e profesoras de diferentes países traballen pola inmersión en francés e español nas escolas públicas do estado de Luisiana (EUA).

    Fonte: The Advocate 

    03 de agosto de 2021

    O presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, o presidente de Cabo Verde, Jorge Carlos Fonseca, e outras autoridades dos países lusófonos acompañaron o gobernador de São Paulo, João Doria, na reapertura do Museo da Lingua Portuguesa, cinco anos despois do incendio que obrigou a pechalo.

    Fonte: O São Paulo

    03 de agosto de 2021

    As deputacións de Burgos e Áraba renovan os seus convenios de colaboración para atender as necesidades das persoas que viven no enclave de Treviño coa inclusión do éuscaro para o impulso do seu uso.

    Fonte: COPE

    03 de agosto de 2021

    O nomeamento dos primeiros quince membros da Academia Aragonesa da Lingua ten como obxectivo establecer as normas do uso correcto das linguas e modalidades lingüísticas propias de Aragón, impulsar a súa promoción social e asesorar os poderes públicos e as institucións neste ámbito.

    Fonte: Ronda Huesca

    03 de agosto de 2021

    O Concello de Santiago presentou os programas "Territorio Xogantín", destinado á poboación infantil de 6 a 10 anos, e "Contos no parque", para a de 3 a 6 anos. Estas dúas iniciativas teñen como obxectivo favorecer a socialización en galego das nenas e os nenos a través de distintas actividades de lecer.

    Fonte: Concello de Santiago de Compostela

    02 de agosto de 2021

    A Dirección Xeral de Política Lingüística pon en marcha un novo obradoiro de acollida lingüística para un grupo de persoas recentemente chegadas ás Illas Baleares onde se combina a formación en lingua catalá con actividades como o teatro, a cociña ou as visitas a establecementos locais para practicar a lingua.

    Fonte: Govern Illes Balears

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder