Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    03 de xuño de 2021

    A Consellería de Cultura, Educación e Universidade, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de entrega de premios do Rally Científico Matemático 2020 e 2021, iniciativa promovida pola Igaciencia (Institución Galega de Ciencia) coa colaboración da Xunta de Galicia, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

    03 de xuño de 2021

    Un total de oito centros educativos concertados non comparten a repartición equitativa das horas para o valenciano e para o castelán exposta na lei do plurilingüismo impulsada pola Consellería de Educación, xa que consideran que, para acadar un verdadeiro plurilingüismo, é necesario vehicular e potenciar a lingua minorizada.

    Fonte: Levante-EMV

    03 de xuño de 2021

    O centro asesor e de referencia en lingua de signos española comezou a súa actividade o día 1 de xuño de 2011 e está xestionado pola Confederación Estatal de Persoas Xordas, a través dun equipo formado por profesionais xordos e oíntes que teñen sempre en conta a realidade sociolingüística da comunidade signante.

    Fonte: Servimedia

    03 de xuño de 2021

    O Concello da Coruña vai contar por fin cunha ordenanza do galego, xa que era ata o momento a única cidade galega que non tiña unha ordenanza específica, co que dará cumprimento á lei que establece o galego como lingua oficial das entidades locais.

    Fonte: Galicia Confidencial

    03 de xuño de 2021

    A Xunta de Galicia, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto conmemorativo do Día da Galeguidade Empresarial que acolleu a Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e que incluíu a sinatura dun acordo de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, o Foro Enrique Peinador e Bioga (Clúster Tecnolóxico Empresarial de Ciencias da Vida) en materia de normalización e promoción do uso da lingua galega.

    02 de xuño de 2021

    Un estudo realizado polo British Council revelou que a pandemia da covid-19 fixo colapsar o estudo das linguas modernas na educación primaria de Irlanda do Norte. Do estudo tamén se desprende que esta zona do Reino Unido é a que menos anos de ensino obrigatorio dedica ao estudo destas linguas.

    Fonte: BBC

    02 de xuño de 2021

    O municipio trasmontano de Miranda do Douro actualizará a súa toponimia local ao colocar placas bilingües en mirandés e portugués en 33 localidades de todo o concello.

    Fonte: Renascença

    02 de xuño de 2021

    A Dirección Xeral de Política Lingüística busca fomentar o uso e o coñecemento do aranés a través da publicidade institucional. Os anuncios e a cuña radiofónica estarán presentes en todos os canais da Corporación Catalá de Medios Audiovisuais, de televisión e de radio.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    02 de xuño de 2021

    O certame Youtubeir@s deste ano leva como lema "Magnetismo en rede" e busca fomentar a creación e o mantemento de canles de YouTube en galego. Pola súa banda, Olloboi, que ten xa na rede os traballos finalistas, renovou as categorías nesta edición para que as obras seleccionadas sexan o máis representativas posible.

    Fonte: Cultura Galega

    02 de xuño de 2021

    O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na presentación da lámina Liñaxes e armerías no reino de Galicia (séculos XIII-XVI), de Eduardo Pardo de Guevara y Valdés.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder