Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    11 de maio de 2021

    O persoal que traballa en gaélico irlandés na radiotelevisión pública irlandesa RTÉ cobra un 25 % menos que aquel que o fai en inglés. O sindicato nacional de xornalistas de Irlanda denunciou os feitos e esixe que se reverta esta situación de xeito urxente.

    Fonte: Extra.ie

    11 de maio de 2021

    O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou o proxecto Nós: Intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, que permitirá aos cidadáns interactuar en galego no mundo dixital ao mesmo nivel que os falantes doutras linguas.

    11 de maio de 2021

    Esta iniciativa conta co apoio do Departamento de Cultura e a participación de Optimot e busca valorizar a riqueza do catalán ao recuperar palabras que non son de uso habitual na actualidade e impulsalas para que se incorporen de novo no día a día desta lingua.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    11 de maio de 2021

    O programa de ocio infantil levarase a cabo en 15 barrios da cidade ao longo do mes de maio. O proxecto, executado por Urtxintxa Eskola, vai dirixido a nenas e nenos de 3 a 9 anos e ás súas familias a través de actividades gratuítas, co obxectivo de incrementar o seu uso do éuscaro mentres xogan na rúa ou no parque.

    Fonte: DDonosti

    11 de maio de 2021

    A artista multidisciplinar Rosalía Fernández Rial e a compositora e música Márcia son as gañadoras do certame de poesía do proxecto aRi[t]mar Galiza e Portugal nas categorías de lingua galega e lingua portuguesa respectivamente

    Fonte: Culturagalega.org

    11 de maio de 2021

    O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salientou a importancia de divulgar entre os máis novos o legado de Emilia Pardo Bazán e animou a facelo con ferramentas pedagóxicas que afonden nos valores da escritora, especialmente comprometida coa igualdade e os dereitos das mulleres.

    11 de maio de 2021

    A cantante escocesa Kathleen MacInnes e a asociación benéfica Open Book uniron os seus esforzos para ofrecer sesións de conversa, escritura creativa e lectura en gaélico escocés por medio de Zoom.

    Fonte: Ross-shire Journal

    10 de maio de 2021

    O Senado de Salta en Arxentina aprobou por unanimidade unha lei que garante a protección e promoción da lingua wichí, falada pola comunidade indíxena máis numerosa da provincia.

    Fonte: El Tribuno

    10 de maio de 2021

    A Xunta pola Defensa da Lingua diríxese ao goberno rexional  e aos partidos do parlamento asturiano para reivindicar a necesidade de abordar de maneira clara e sen demoras a reforma estatutaria para un novo marco legal do asturiano e do galego-asturiano.

    Fonte: El Comercio

    10 de maio de 2021

    A mancomunidade, a Deputación Foral de Bizcaia e o Goberno vasco elaboraron unha iniciativa na que 42 empresas traballarán para interiorizar o éuscaro no seu día a día laboral. O proxecto centrarase en empresas do sector do automóbil debido á importancia e ao peso que teñen na comarca.

    Fonte: El Correo

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder