Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    09 de xullo de 2021

    O deputado do BNG, Manuel Lourenzo, pediu explicacións á Secretaría Xeral de Política Lingüística “por pedir ao corpo avaliador do Celga 4 que obviara os criterios de pronuncia e entoación no caso de candidatos de fóra de Galicia”.

    Fonte: Nós Diario

    09 de xullo de 2021

    A peza teatral A lingua das bolboretas de Sarabela Teatro lidera con oito finalistas as nominacións para a XXV edición dos premios María Casares que se entregarán o 9 de setembro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

    Fonte: Quincemil

    09 de xullo de 2021

    Un estudo elaborado polo British Council revelou que a maior parte do alumnado de primaria e un 40 % do alumnado de secundaria do Reino Unido non recibiu ningún tipo de docencia en linguas estranxeiras durante o primeiro confinamento da covid-19.

    Fonte: The Guardian

    09 de xullo de 2021

    O expresidente da República de Cabo Verde, Pedro Pires, demandou máis apoio financeiro para o Instituto Internacional da Lingua Portuguesa (IILP) co fin de potenciar o ensino do portugués na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP).

    Fonte: RTP Notícias

    09 de xullo de 2021

    O Departamento de Cultura e Política Lingüística do Goberno vasco, Relacións Cidadás e Euskararen erakunde publikoa-Office public de la langue basque (o Organismo Público da Lingua Vasca) seguen colaborando en materia de política lingüística a través do convenio Hiruko Ituna. O seu obxectivo para este ano é establecer un plan de actuación específico para promover o éuscaro desde a educación e o ensino da lingua a persoas adultas, fomentar o seu uso e as investigacións sociolingüísticas e cooperar no marco europeo.

    09 de xullo de 2021

    O Consell de Mallorca outórgalles unha subvención nominativa de 60 000 euros á Institución Pública Antoni Maria Alcover e outra de 20 000 euros á Escola Municipal de Mallorquí para promover a lingua catalá, a cultura e as tradicións mallorquinas.

    Fonte: Última Hora

    08 de xullo de 2021

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este mediodía, no Pazo de San Roque, na presentación da obra De imperios e danzas: as Españas plurais do franquismo, coa que Xosé Manuel Núñez Seixas se fixo o pasado decembro co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2020, convocado pola Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia co apoio de Caixa Rural Galega.

    Fonte: Xunta de Galicia

    08 de xullo de 2021

    O Termcat publica unha nova edición do dicionario en liña con sesenta termos novos, que fan referencia sobre todo a novos tipos de ciberataque e que foron elaborados coa colaboración da Axencia de Ciberseguridade de Cataluña e outros expertos deste ámbito e co apoio do Goberno de Andorra.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    08 de xullo de 2021

    O Concello de Éibar organiza obradoiros de robótica durante os últimos días de agosto e os primeiros de setembro, impartidos no servizo dirixido á mocidade gazteleku Indianokua, para que nenos e nenas descubran o mundo da ciencia e da tecnoloxía en éuscaro.

    Fonte: Diario Vasco

    07 de xullo de 2021

    A asociación Parlemu Corso organizou o 'Currilingua', unha carreira de 90 quilómetros entre as localidades de Borgo e Solenzara co obxectivo de valorizar e promocionar o uso da lingua corsa en toda a illa de Córsega.

    Fonte: Alta Frequenza

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder