Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    25 de xuño de 2021

    Un estudo elaborado na Universidade de Kansas (EUA) revela que mesmo nun nivel inicial as persoas adultas que estean a aprender unha lingua estranxeira poden activar rapidamente os mecanismos mentais necesarios para adquirila como un falante nativo.

    Fonte: Phys.org

    25 de xuño de 2021

    Segundo un estudo da Academia da Lingua Asturiana, un 75 % dos habitantes de Navia-Eo pensa que o galego-asturiano merece o mesmo trato que o catalán, o vasco e o galego.

    Fonte: 20 minutos

    25 de xuño de 2021

    A Xunta de Galicia visibiliza o talento dos autores mozos a través do ciclo "Mazurca para dous poetas", un programa de cultura e lecer que se celebra na Fundación Pública Galega Camilo José Cela.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    25 de xuño de 2021

    O Concello segue traballando na elaboración do seu Plan, que quere completar coa participación das ideas e opinións da cidadanía para que o documento se adapte á realidade actual e ao futuro de Lazkao e dos seus habitantes.

    Fonte: Diario Vasco

    25 de xuño de 2021

    Os profesores da Universidade de Santiago Jorge Mira e Alberto Pérez Muñuzuri e a investigadora Mariamo Mussa participan nun proxecto no que explican que o mecanismo de Turing, responsable da formación de patróns na natureza, tamén pode explicar como se reparten dúas linguas coexistentes nun mesmo territorio. Esta investigación, na que reproducen os casos de Galicia e a rexión de Carintia, acaba de publicarse na revista Physical Review Research.

    25 de xuño de 2021

    O Concello de Santiago abriu o prazo de inscrición para participar no programa "ELOS. Aquilo que une", unha iniciativa de intercambio lingüístico entre persoas que desexen aprender galego e persoas voluntarias que queiran colaborar con elas.

    Fonte: Concello de Santiago de Compostela

    24 de xuño de 2021

    A Oficina de Defensa dos Dereitos Lingüísticos organiza un acto de conmemoración dos 25 anos da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, no que se destacou a súa posta en práctica como un dos mellores indicadores de calidade dun sistema democrático.

    Fonte: 20 minutos

    24 de xuño de 2021

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no Pazo de San Roque na presentación da obra Un galego no Camiño Portugués, un traballo de Xosé Benito Reza que recolle as andainas dun galego que decide facer o Camiño de Santiago desde Lisboa.

    24 de xuño de 2021

    O Concello subvenciona un 50 % do custo dos rótulos en éuscaro para a súa colocación en establecementos comerciais, ata un máximo de 300 euros. Poden ser, entre outros, rótulos exteriores, toldos e adhesivos para os escaparates.

    Fonte: Diario Vasco

    24 de xuño de 2021

    A Secretaría de Política Lingüística de Paraguai anunciou a presentación dunha aplicación gratuíta de tradución entre o guaraní, o castelán e o inglés. A ferramenta contén 3200 entradas.

    Fonte: Agencia de Información Paraguaya

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder