O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salientou a importancia de divulgar entre os máis novos o legado de Emilia Pardo Bazán e animou a facelo con ferramentas pedagóxicas que afonden nos valores da escritora, especialmente comprometida coa igualdade e os dereitos das mulleres.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A cantante escocesa Kathleen MacInnes e a asociación benéfica Open Book uniron os seus esforzos para ofrecer sesións de conversa, escritura creativa e lectura en gaélico escocés por medio de Zoom.
Fonte: Ross-shire Journal
O Senado de Salta en Arxentina aprobou por unanimidade unha lei que garante a protección e promoción da lingua wichí, falada pola comunidade indíxena máis numerosa da provincia.
Fonte: El Tribuno
A Xunta pola Defensa da Lingua diríxese ao goberno rexional e aos partidos do parlamento asturiano para reivindicar a necesidade de abordar de maneira clara e sen demoras a reforma estatutaria para un novo marco legal do asturiano e do galego-asturiano.
Fonte: El Comercio
A mancomunidade, a Deputación Foral de Bizcaia e o Goberno vasco elaboraron unha iniciativa na que 42 empresas traballarán para interiorizar o éuscaro no seu día a día laboral. O proxecto centrarase en empresas do sector do automóbil debido á importancia e ao peso que teñen na comarca.
Fonte: El Correo
O 7 de maio celebrouse o décimo aniversario da iniciativa Twitter en galego, dez anos de reivindicación do uso do galego nesta rede social á que se sumaron personalidades do ámbito cultural, divulgador e académico.
Fonte: Código Cero
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou na inauguración da 40ª edición da Feira do Libro de Santiago de Compostela, a segunda das citas do calendario impulsado pola Xunta e a Federación de Libreiros de Galicia que inclúe un total de 12 paradas en diferentes cidades e vilas galegas ata o mes de agosto.
A Deputación de Pontevedra organiza unha programación chea de actividades dirixidas principalmente á mocidade baixo o lema '365 días en galego' co obxectivo de reivindicar a lingua galega como identidade e animar a cidadanía así como ás institucións a que a usen.
O embaixador de Portugal en Luxemburgo, António Gamito, declarou que o Goberno de Luxemburgo debería destinar máis recursos para potenciar o ensino da lingua portuguesa no Gran Ducado como, por exemplo, entrar no currículo das escolas europeas.
Fonte: Contacto
A empresa Roudour ofrece na cidade de Quimper un curso intensivo de seis meses para aprender bretón. A formación está pensada para persoas que queiran traballar en postos relacionados coa lingua bretoa como o ensino, a cultura ou os medios de comunicación.
Fonte: Ouest France
Boletín
Subscríbase ao boletín

