Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de abril de 2021

    O cambio de criterio do Goberno vasco para 2021 permitirá que se subvencionen ao 100 % os estudos de éuscaro para as persoas de Treviño, xa que eliminou o requisito do empadroamento no seu territorio para optar ao máximo da axuda.

    Fonte: Diario de Burgos

    13 de abril de 2021

    Xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes para a selección de varias prazas de lector de éuscaro e cultura vasca en universidades de Alemaña, Francia, Estados Unidos e Xeorxia.

    Fonte: Noticias de Álava

    13 de abril de 2021

    Os proxectos recoñecidos na segunda edición dos Premios Mil Primaveras son estes: Enreguéifate e Regueifesta (como proxecto estabilizado), Galeguiza-T (como proxecto novo), DígochoEu (pola súa comunicación e impacto), Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega (como proxecto máis innovador), Projeto Educativo Semente (como proxecto destinado á mocidade) e Galegoempresas (como proxecto dun ámbito sectorial).

    Fonte: Premios Mil Primaveras

    13 de abril de 2021

    A Xunta de Galicia, representada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou en Tui nos actos do 350º aniversario da publicación da obra A contenda dos labradores de Caldelas, máis coñecida como Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, unha peza teatral de Gabriel Feixoo de Araúxo datada arredor de 1671, que pasa por ser a primeira escrita en galego.

    13 de abril de 2021

    O IES Plurilingüe Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela, acolle ata o vindeiro día 16 de abril a mostra itinerante Aquela nena de Sarria, un proxecto desenvolvido polo Colectivo Egeria para dar a coñecer a figura de Xela Arias, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas.

    12 de abril de 2021

    O Goberno balear, en colaboración cos concellos do arquipélago, puxo en marcha un concurso para mozas e mozos youtubers en catalán co obxectivo de crear e difundir contidos audiovisuais nesta lingua.

    Fonte: Diario de Mallorca

    12 de abril de 2021

    Agora.gal nace co obxectivo de ofrecer contidos en galego mediante a agregación voluntaria de creadores e aspira a converterse nunha porta de entrada á Internet nesta lingua.

    Fonte: Praza Pública

    12 de abril de 2021

    O Aragonario, o dicionario en liña de aragonés, entrou en funcionamento en abril de 2019 con 8653 entradas en castelán coa súa correspondencia en aragonés e en xaneiro de 2020 chegou ás 23 212. A última versión inclúe a tradución aragonés-castelán, así como variantes comarcais.

    12 de abril de 2021

    O Ministerio de Transportes da provincia canadense de Ontario ofrece agora o exame teórico do permiso de condución en tres linguas nativas canadenses: ojibwa, oji-cree e cree. Coa incorporación destes tres idiomas son xa 27 as linguas en que se pode realizar este exame.

    Fonte: CBC

    12 de abril de 2021

    A Universidade de Bruxelas está desenvolvendo unha plataforma en liña para facer un seguimento do uso na cidade de linguas nativas procedentes de países de fóra de Bélxica. O obxectivo é preservar e promocionar o uso destas linguas na capital belga.

    Fonte: The Brussels Times

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder