Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    09 de decembro de 2020

    A nova Oficina de Defensa dos Dereitos Lingüísticos é un novo organismo público centrado, principalmente, en tramitar reclamacións sobre vulneración dos devanditos dereitos. Así mesmo, atenderá consultas sobre a normativa que os ampara e divulgará información sobre a materia.

    Fonte: Mallorca Confidencial

    09 de decembro de 2020

    A plataforma Haur Eskoletako Gurasoak presentou no Departamento de Educación instancias para defender o dereito ao éuscaro e demandar escolas infantís próximas de inmersión lingüística.

    Fonte: Noticias de Navarra

    09 de decembro de 2020

    A sétima edición da elección do neoloxismo catalán do ano ten xa dez palabras candidatas, todas relacionadas coa situación derivada da covid-19: conspiranoic, coronavirus, desconfinament, desescalada, grup bombolla, infodèmia, mascareta, teletreballar, traçabilitat e videotrucada. A gañadora optará a formar parte do dicionario normativo do Instituto de Estudos Cataláns.

    09 de decembro de 2020

    O proxecto “Bueu e a fala” ten como obxectivo analizar a situación do galego en distintos ámbitos. En concreto, na edición deste ano, tratarase a presenza desta lingua no audiovisual a través de charlas virtuais e proxeccións.

    Fonte: Concello de Bueu

    07 de decembro de 2020

    Representantes de varias entidades en defensa do valenciano celebraron un acto reivindicativo con motivo do Día dos Dereitos Lingüísticos e presentaron un informe con diferentes denuncias de 2020. Entre as queixas, destacan as referidas a páxinas web ou programas da Consellería de Educación porque priorizan o castelán.

    07 de decembro de 2020

    Os resultados do estudo Ofercat en Rubí mostran que só un 37 % de comerciantes se dirixe de entrada ao público en catalán, mentres que un 57 % afirma que o fala cando o cliente se dirixe ao comercio nesta lingua.  

    Fonte: El Periódico

    07 de decembro de 2020

    A Fundación Aspasim publicou o videoclip "Cantem el Botó Màgic" en defensa da lingua de signos catalá no que participan máis de cen persoas, entre escolas, asociacións, familias e varios grupos musicais.

    Fonte: La Vanguardia

    07 de decembro de 2020

    O Comité de Cultura e Lingua Galesa do Parlamento do País de Gales teme que a crise provocada pola covid-19 e os recortes asociados poden facer desaparecer postos de traballo que ofrecen servizos relacionados coa lingua galesa.

    Fonte: Nation Cymru

    07 de decembro de 2020

    Un total de 70 escolas de toda Irlanda uníronse para participar no evento #ThinkLanguages 2020, un festival con obradoiros e clases para incentivar o alumnado irlandés a aprender linguas estranxeiras.

    Fonte: RTÉ

    07 de decembro de 2020

    O escritor e profesor de Filosofía Xosé Ricardo Losada gañou o XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega, que convoca a Deputación da Coruña, coa novela O rosario e a buguina.

    Fonte: Galicia Confidencial

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder