Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de novembro de 2020

    A Asemblea Nacional francesa votou unha proposición de lei coa que pretende introducir a discriminación por lingua ou acento no código penal. De se aprobar esta norma, as penas por delitos de discriminación lingüística poderían ser de 45 000 euros e 3 anos de cadea.

    Fonte: Naiz

    27 de novembro de 2020

    Diferentes asociacións en defensa de linguas minorizadas de Escocia, Irlanda, Gales, a Illa de Man e Cornualles asinaron unha petición conxunta para reivindicar protección para as súas comunidades lingüísticas ante as presións dos mercados inmobiliarios.

    Fonte: Nós Diario

    27 de novembro de 2020

    O ministro responsable da Lingua Francesa do Goberno do Quebec, Simon Jolin-Barrette, anunciou que o executivo pretende fortalecer a lei sobre a lingua francesa co fin de paliar o declive que está a experimentar o francés na provincia canadense, sobre todo na cidade de Montreal.

    Fonte: Everything GP

    27 de novembro de 2020

    O volume Variedades lingüísticas en contacto na Península Ibérica, editada por Francisco Dubert-García, Vítor Míguez e Xulio Sousa, mostra as interrelacións entre as linguas que se falan neste territorio e os fenómenos de contacto entre elas.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    27 de novembro de 2020

    A Mesa pola Normalización Lingüística e outros colectivos pertencentes á comunidade educativa reclámanlle á Xunta diálogo para avanzar na normalización da lingua galega no ensino.

    Fonte: Nós Diario

    27 de novembro de 2020

    A asociación Eta Kitto organiza en Eibar unha campaña que ten como obxectivo promover as compras no comercio local e fomentar o uso do éuscaro coa vista posta no Nadal.

    Fonte: El Correo

    27 de novembro de 2020

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a secretaria autonómica de Escolas Católicas, Juana Otero, inauguraron as XVI Xornadas de Normalización Lingüística, un evento formativo dirixido a equipos de dinamización da lingua galega e, en xeral, profesorado, tanto de centros públicos coma concertados e privados.

    27 de novembro de 2020

    A embaixadora de Francia en Portugal, Florence Mangin, presentou unha proposta á Cámara Municipal de Guimarães para reforzar a aprendizaxe da lingua francesa nas escolas primarias por medio dun proxecto piloto que contará co apoio da Alliance Française.

    Fonte: ComUM

     

    26 de novembro de 2020

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación de Camiñares, o terceiro videoclip da Triloxía meiga, da compañía Queiman e Pousa, coa que en outubro se inaugurou a publicación de traballos dixitais do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    26 de novembro de 2020

    O Goberno de Aragón asinará oito convenios de colaboración con diferentes entidades para impulsar proxectos de fomento das linguas propias da comunidade, que se suman aos acordos xa existentes con entidades locais e asociacións.

    Fonte: Diario del Alto Aragón

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder