Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    15 de xaneiro de 2021

    A Universidade de Estudos Estranxeiros de Pequín abriu o Centro Nacional de Formación de Docentes de Español e Portugués co fin de garantir e afianzar a calidade do ensino da lingua portuguesa na China continental.

    Fonte: Observador

    15 de xaneiro de 2021

    Unha nova canle de televisión, Uvagut TV, emitirá en diferentes lugares do Canadá contidos exclusivamente en linguas inuit, incluída programación infantil.

    Fonte: Richmond News

    14 de xaneiro de 2021

    Un total de 33 concellos, consellos comarcais e outras entidades de ámbito local aprobou nos seus respectivos plenos a moción impulsada pola Plataforma per la Llengua na que lles demanda aos parlamentos de Aragón, Comunidade Valenciana, illas Baleares e Cataluña que recoñezan a unidade da lingua catalá.  

    14 de xaneiro de 2021

    O Dicionario da Real Academia Galega superou as 38.500.000 consultas en 2020, o que supón unha media de máis de 105.000 ao día. O punto de inflexión estivo marcado pola entrada en vigor do primeiro estado de alarma por mor da pandemia da covid-19, o que provocou que se alcanzase unha marca histórica de buscas en maio.

    14 de xaneiro de 2021

    A Universidade Pompeu Fabra (UPF) e a Federación de Persoas Xordas de Cataluña (FESOCA) convocan o IX Premio UPF-FESOCA de lingua de signos catalá, un galardón que busca incentivar o coñecemento e a difusión desta lingua.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    14 de xaneiro de 2021

    O ministro de Xustiza sueco, Morgan Johansson, anunciou que Suecia esixirá coñecementos certificados de sueco para que persoas estranxeiras poidan optar á cidadanía.

    Fonte: The Local

    14 de xaneiro de 2021

    A canle RTP Internacional comezou a emitir o programa Português - Língua Não Materna que ofrece contidos de lingua portuguesa a alumnado estranxeiro ou lusodescendentes da diáspora.

    Fonte: TV Europa

    13 de xaneiro de 2021

    Un estudo elaborado na Universidade de Chipre revela que a habilidade de falar dúas linguas pode axudar a realzar a capacidade que ten o noso cerebro para adquirir coñecemento. As análises realizadas sobre este tema poderían axudar a desenvolver técnicas para a aprendizaxe de novas linguas.

    Fonte: Horizon Magazine

    13 de xaneiro de 2021

    Unicamente 2000 integrantes da nación cherokee de Oklahoma fala a lingua nativa que está en perigo extremo de desaparición. Ante esta situación, o goberno da tribo decidiu reservar algunhas vacinas contra a covid-19 para os falantes que aínda sobreviven coa intención de preservar o principal trazo cultural deste pobo orixinario dos EUA. 

    Fonte: NPR

    13 de xaneiro de 2021

    A Plataforma per la Llengua abriu o prazo para presentar propostas de candidaturas para unha nova edición dos Premios Martí Gasull i Roig, uns galardóns que recoñecen a traxectoria e as actividades de persoas e organizacións na defensa e a promoción da lingua catalá.  

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder