Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    18 de decembro de 2020

    O novo modelo de acollemento que estuda o Goberno de Portugal prevé que as persoas refuxiadas que cheguen ao país veciño teñan emprego e falen portugués antes de 18 meses.

    Fonte: Notícias ao Minuto

    18 de decembro de 2020

    O colectivo HE Gurasoak Elkartea convocou unha mobilización na capital navarra para denunciar que só unha das 16 escolas infantís de Pamplona conta co modelo de inmersión lingüística en éuscaro, e as tres que ofertan castelán e éuscaro están ao norte da cidade, o que supón unha dificultade para moitas familias.

    18 de decembro de 2020

    Co lema “A la xarxa, peta-ho en català” e o cancelo para a súa difusión #JoHoPetoEnCat, nace unha campaña de sensibilización para promover o uso do catalán entre a xente nova que crea contidos nas redes sociais como YouTube, Instagram, TikTok....

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    18 de decembro de 2020

    Os monecos animados máis famosos de Galicia volven aos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) polo Nadal, da man da Xunta de Galicia, Bolanda Edicións, Gadis e a Televisión de Galicia (TVG).

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    17 de decembro de 2020

    O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, entregou o XIV Premio de Narrativa Breve Repsol a Illa Decepción, de Berta Dávila, unha autora á que definiu como “un talento de presente e futuro nas letras galegas” pois, malia a súa xuventude, é xa unha figura consolidada no noso panorama cultural con varios galardóns nos últimos anos.

    Fonte: Xunta de Galicia

    17 de decembro de 2020

    Co gallo da celebración do seu cuadraxésimo aniversario, a Academia da Lingua Asturiana publicou un informe titulado Academia de la Llingua Asturiana: 40 años de compromisu con Asturies y la so llingua, que recolle o traballo realizado pola institución ao longo das súas catro décadas a prol do idioma e dos dereitos lingüísticos. Neste sentido, destacaron a importancia de que a reforma do Estatuto de Autonomía inclúa a súa oficialidade.    

    17 de decembro de 2020

    O Goberno vasco, en colaboración coa Axencia de Desenvolvemento de Oarsoaldea, pon en marcha unha campaña que, baixo o lema 'Betikoa. Gertukoa. Eskatu euskaraz, eskaini euskaraz', busca fomentar o éuscaro no comercio, en liña cos obxectivos do plan de promoción desta lingua no ámbito socioeconómico.

    17 de decembro de 2020

    O Concello de Santiago de Compostela organiza unha nova edición do Festival do Apego, un espectáculo escénico e musical, que se celebrará o 27 de decembro, que ten como obxectivo crear espazos de uso para o galego no ámbito do lecer infantil.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    17 de decembro de 2020

    A Real Academia Galega e a Fundación Barrié deron a coñecer as seis candidatas a  Palabra do Ano 2020: gromo, máscara, nós, pandemia, seteiro ou vacina. Comeza agora a fase de votación popular telemática que decidirá cal delas será a seleccionada e que se prolongará ata as 23:59 horas do 25 de decembro.

    17 de decembro de 2020

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitaron na Estrada os traballos de elaboración do proxecto Murais da nosa lingua, promovido pola asociación Ocionautas para visibilizar e poñer en valor, nomeadamente entre a mocidade, o patrimonio literario desta vila a través de graffitis inspirados nos estradenses que deixaron a súa pegada nas letras galegas.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder