Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    11 de novembro de 2020

    O Goberno vasco asinará acordos con varias entidades para seguir desenvolvendo Itzuli, un tradutor automático neuronal que permite realizar traducións en éuscaro, castelán, francés e inglés. Trátase dunha ferramenta que manexa grandes corpus bilingües, polo que cómpre incluír no seu sistema elevados volumes de información.

    11 de novembro de 2020

    A escola en liña ERA Eskola, impulsada por Euskarabidea e varias entidades locais navarras, está dirixida a familias cuxos fillos e fillas están escolarizados en modelos con éuscaro co obxectivo de acompañalas e ofrecerlles recursos tecnolóxicos nesta lingua. Están previstas tres sesións gratuítas que se retransmitirán en directo, vía streaming, a través de YouTube.  

    11 de novembro de 2020

    O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, participou na presentación pública da Gala do Libro Galego 2020 que este ano celebra a súa quinta edición e que terá un formato virtual. Será conducida por Quico Cadaval e difundirase o vindeiro sábado 21 de novembro, ás 12.00, desde a canle de YouTube da Gala.

    10 de novembro de 2020

    Unha iniciativa do colectivo irlandés Conradh na Gaeilge permitirá que máis de 30 000 estudantes de diferentes niveis educativos falen a lingua vernácula durante 24 horas para todos os aspectos da súa vida diaria.

    Fonte: Irish Post

    10 de novembro de 2020

    O Goberno de Portugal deu luz verde a unha proposta do parlamento que pretende crear dúas canles de televisión (RTF África e a canle de Conhecimento) co fin de promover o o uso do portugués no continente africano e mellorar a relación entre Portugal e os países africanos de lingua oficial portuguesa.

    Fonet: Observador

    10 de novembro de 2020

    Un grupo de mozas e mozos de Pasaia reuniuse para reflexionar sobre os seus hábitos lingüísticos e amosar a súa preocupación pola situación do éuscaro. Froito deste encontro, xurdiu un manifesto no que, co lema “Gazte olatur”, animan a xente nova a realizar tamén esta reflexión.

    Fonte: Diario Vasco

    10 de novembro de 2020

    O Consello de Goberno da Universidade de Valencia aprobou que para o curso 2021-2022 na Universidade de Valencia se imparta a metade da docencia dos graos en valenciano, para acadar a equiparación lingüística co castelán, e que se incremente a presenza do inglés e doutras linguas estranxeiras.

    09 de novembro de 2020

    O comisario da Lingua Galesa, Aled Roberts, gabou o labor da Policía do Norte de Gales á hora de promocionar o galés tanto entre o persoal do corpo como na sociedade.

    Fonte: Rhyl Journal

    09 de novembro de 2020

    Unha enquisa realizada por unha empresa na provincia canadense do Quebec revelou que a maior parte da cidadanía quebequesa está a favor de reforzar a protección legal da lingua francesa.

    Fonte: Global News

    09 de novembro de 2020

    O Termcat, en colaboración coa Sociedade do Dicionario Enciclopédico de Medicina e a Fundación Doutor Antoni Esteve, realizou unha revisión terminolóxica e unha actualización de 200 termos relacionados cos fármacos e coa covid-19.

    Fonte: La Vanguardia

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder