Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    21 de outubro de 2020

    A canle La 8 León acaba de estrear El llionés, una llengua viva, un espazo televisivo que consta de once episodios de vinte minutos de duración. Neles trataranse diferentes aspectos relacionados co leonés, como as súas características, espazo xeográfico, historia, variedades, toponimia, tradición oral, música, situación legal…

    Fonte: La Fueya Cabreiresa

    21 de outubro de 2020

    Grazas ao acordo entre a Junta de Andalucía e o Instituto Camões, os centros educativos de Infantil e Primara desta comunidade poderán ofertar, por primeira vez no seu currículo, a lingua portuguesa como materia optativa.

    Fonte: El Trapezio

    21 de outubro de 2020

    Miracle Tunes, unha exitosa serie da produtora galega Portocabo, xa se pode ver en galego na aplicación móbil do Xabarín e na segunda canle da TVG. Conta con 51 capítulos que mesturan música, baile, estética futurista e apoderamento feminino.

    Fonte: Código Cero

    21 de outubro de 2020

    O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou a posibilidade de “seguir gozando da música, da nosa identidade e da tradición popular galega dun xeito seguro”, malia o actual contexto de pandemia. Fíxoo no acto de presentación da xira do 40 aniversario do grupo Milladoiro, celebrado na sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia, no que tamén participou o secretario xeral de Política lingüística, Valentín García.

    20 de outubro de 2020

    O Instituto Camões e o estado de Utah (EUA) asinaron un acordo para promover e dinamizar o ensino da lingua portuguesa neste territorio estadounidense. O acordo abre tamén a posibilidade de contratar profesorado visitante.

    Fonte: Notícias ao Minuto

    20 de outubro de 2020

    A canle de televisión pública en lingua galesa S4C asinou un acordo polo que se compromete a ampliar as súas emisións para alén das fronteiras do Reino Unido.

    Fonte: Business Live

    20 de outubro de 2020

    A iniciativa popular Xabarín, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística para demandar un incremento e unha mellora da programación infantil e xuvenil en galego na TVG, conta coa colaboración de máis de 250 establecementos de toda Galicia que están a recoller sinaturas de apoio á devandita iniciativa.

    20 de outubro de 2020

    Segundo a enquisa realizada en 2019 sobre os usos lingüísticos na Universidade das Illas Baleares, o castelán é a lingua máis utilizada nas aulas, tanto para impartir materias de grao como na relación entre o profesorado e o alumnado, e no ámbito administrativo.  

    Fonte: Última Hora

    20 de outubro de 2020

    O banco de imaxes, que se creou co obxectivo de promover as interaccións orais en éuscaro nos ciclos de Infantil e Primaria dos modelos educativos A e D, está xa a disposición do profesorado para a súa utilización na aula. Os 210 debuxos son obra de Mikel Santos ‘Belatz’ e divídense en diferentes temáticas: emocións, rutinas diarias, deporte, música, alimentación, animais, oficios, medios de transporte etc.

    20 de outubro de 2020

    O Goberno de Aragón puxo en marcha 'Aragón 3L Nuestras Lenguas', un proxecto que ten como obxectivo achegar a cultura e a diversidade lingüística desta comunidade aos centros educativos e, en xeral, a toda a sociedade. A través dunha web, acompañada dunha guía didáctica, fomentarase o coñecemento e o uso das linguas que se falan en Aragón (aragonés, catalán e castelán) e ofrecerase información sobre outros idiomas do mundo.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder