Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    09 de outubro de 2020

    O Senado deu o seu apoio a unha iniciativa parlamentaria presentada polo PNV para instar o Goberno a que garanta que as Administracións promovan as linguas minorizadas e o dereito da cidadanía a empregalas nos seus trámites.

    Fonte: La Vanguardia

    09 de outubro de 2020

    O aumento de peticións para acceder a algunha das liñas de axuda para o fomento do catalán en Menorca foi espectacular, ao pasar de 38 en 2019 a 82 en 2020. En total repartiranse 40 000 euros en catro liñas: edición, con 19 solicitudes; empresa, con 38; deporte, con sete; e tecido asociativo, con oito.

    09 de outubro de 2020

    O Curso de improvisación oral en verso, organizado polo Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo (CIOV), ten entre os seus obxectivos fomentar o interese do alumnado polo patrimonio cultural e incrementar as competencias lingüísticas e escénicas na expresión oral e na dimensión lúdica da lingua.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    09 de outubro de 2020

    O Concello de Redondela puxo en marcha novas medidas de promoción do uso do galego en diferentes ámbitos do sector socioeconómico do municipio. Por unha banda, asinou un convenio coa Confraría de Pescadores de San Xoán para fomentar a súa utilización na lonxa de Cesantes. Por outra, distribuíu entre a hostalería, en colaboración coa Asociación de Empresarios da vila, 50 000 manteis de papel con léxico galego.

    09 de outubro de 2020

    O poeta Nuno Júdice e o ensaísta Fernando Venâncio son os vencedores do Premio de Ensaio Jacinto do Prado Coelho. Os dous autores portugueses obtiveron o importante galardón, instituído pola Asociación Internacional de Críticos Literarios, polas obras Camões por cantos nunca dantes navegados e Assim nasceu uma língua, respectivamente.

    Fonte: Público

    09 de outubro de 2020

    A Real Academia da Lingua Vasca ou Euskaltzaindia presentou no Concello de Baiona (Iparralde) a ferramenta dixital "Euskara eskuz esku" (EEE, o éuscaro de man en man) co obxectivo de impulsar a lingua unificada en Iparralde.

    Fonte: El Diario Vasco

    08 de outubro de 2020

    En outubro comezan os novos grupos de Mintzalaguna, unha iniciativa mediante a que persoas que falan éuscaro se xuntan con outras que queren falalo, para o que se crean pequenos grupos de conversa que se reúnen unha hora á semana.

    Fonte: Gasteiz Hoy

    08 de outubro de 2020

    O Concello de Gandía presentou a campaña "Gandia en valencià", dirixida aos establecementos hostaleiros para normalizar o uso do valenciano. No marco desta iniciativa repartiranse 10 000 manteis de papel entre a hostalería da cidade.

    Fonte: Saforguia

    08 de outubro de 2020

    O DOG publicou a resolución da convocatoria de axudas ás entidades locais para o fomento do uso do galego, na que aparece a listaxe de concellos que recibirán unha subvención para manter ou reforzar os seus servizos de normalización lingüística.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    08 de outubro de 2020

    O obradoiro de extensión universitaria “Comunícate coas mans” busca iniciar o alumnado na lingua de signos. Porén, a crise da covid-19 supón unha dificultade engadida para este taller que debe impartirse con máscara, dada a importancia que ten a expresión facial nesta lingua.

    Fonte: Universidade de Vigo

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder