Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    29 de setembro de 2020

    Un relatorio divulgado pola OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico) revelou que o Brasil, Reino Unido, Australia e Nova Zelandia figuran entre os estados onde menos se ensinan linguas estranxeiras. Pola contra, Luxemburgo figura á cabeza da lista con 6,2 horas semanais de linguas estranxeiras no currículo.

    Fonte: UOL

    29 de setembro de 2020

    O Goberno de Ontario está implementando medidas para contratar e conservar profesorado de francés co fin de garantir o acceso ao ensino desta lingua en toda a provincia canadense.

    Fonte: The Review

    29 de setembro de 2020

    Cada vez máis as empresas son conscientes da importancia de dirixirse á clientela na súa lingua para ofrecerlle un mellor servizo, polo que optan pola capacitación en éuscaro do seu persoal. Proba disto é o centro Ulibarri Euskaltegia, que asesora a empresas e entidades en materia sociolingüística e que xa prestou os seus servizos a compañías tan importantes como  El Corte Inglés, Mutualia ou a Autoridade Portuaria de Bilbao.  

    29 de setembro de 2020

    Segundo unha enquisa realizada pola Oficina Pública da Lingua Occitana, o Val de Arán é a zona do seu dominio lingüístico na que presenta mellor situación, xa que é onde máis se coñece e máis se fala.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    29 de setembro de 2020

    O festival “Falando a boca chea” reunirá no Fórum Metropolitano da Coruña algúns dos mellores narradores de Galicia co obxectivo de dar a coñecer a arte da narración oral en lingua galega.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    29 de setembro de 2020

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou o coñecido actor e humorista Xosé Luís Bernal Farruco, no acto de presentación do libro Eles e mais eu. Compostelaneando, no que o persoeiro compostelán fai memoria da súa cidade a través de semblanzas de santiagueses singulares.

    28 de setembro de 2020

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na Gala de entrega de premios aRi[t]mar da música e a poesía galego-portuguesas 2020, que recibiron Carlos da Aira, Raquel Lima, Sabela, António Zambujo e Georgina Benrós de Mello (representada por Rudesindo Soutelo).

    28 de setembro de 2020

    O Concello de Massamagrell puxo en marcha unha nova iniciativa de fomento do valenciano que consiste na repartición gratuíta de bolsas da compra reutilizables nos postos do mercado municipal con frases escritas nesta lingua.

    Fonte: Las Provincias

    28 de setembro de 2020

    Un senador do PNV solicitoulle á administradora única de RTVE durante a Comisión Mixta da Corporación que os informativos emitidos polo ente público no País Vasco adopten unha actitude proactiva a prol do éuscaro e fagan un maior esforzo por empregar esta lingua.

    28 de setembro de 2020

    Con motivo do Día Internacional das Linguas de Signos, a Biblioteca Nacional de Zagreb presentou un proxecto de tradución da Biblia á lingua de signos croata.

    Fonte: Croatia Week

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder