Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    24 de setembro de 2020

    O lanzamento do GIF para o topónimo Vila-real, creado polo Concello, ten como obxectivo favorecer a escritura correcta do nome da cidade a través das redes sociais. A iniciativa enmárcase nunha campaña que ten como lema “El nom és Vila-real”.

    Fonte: El Periòdic

    24 de setembro de 2020

    O Concello da Estrada publicou as bases para achegar propostas a un proxecto de humanización, cuxos pregos se publicaron só en castelán. Ademais, entre os requisitos, figura que a documentación para participar debe estar en castelán ou en galego con tradución ao castelán, cláusula que chamou a atención de asociacións de defensa da lingua galega.

    24 de setembro de 2020

    O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, participou na rolda de prensa de presentación do festival de música Maré, que se celebrará do 24 ao 27 de setembro en Santiago de Compostela e que acollerá, o sábado 26, a Gala dos Premios da música e a poesía galego-portuguesas aRi[t]mar.

    23 de setembro de 2020

    O Consello de Europa recomendoulle a Eslovenia que recoñeza o croata, o alemán e o serbio como linguas minoritarias faladas dentro da súa xurisdición.

    Fonte: Croatia Week

    23 de setembro de 2020

    Unha parte fundamental da investigación que se está a realizar sobre a posible existencia de vida no planeta Venus está publicada en lingua portuguesa. A investigadora responsable deste estudo é unha rapaza portuguesa, Clara Sousa-Silva, de 33 anos de idade.

    Fonte: Hypeness

    23 de setembro de 2020

    A Xunta Cualificadora de Coñecementos de Valenciano (JQCV) lanzou unha convocatoria extraordinaria das probas de valenciano do nivel C1. En total, ofértanse 11 000 prazas en 15 sedes diferentes.

    Fonte: La Vanguardia

    23 de setembro de 2020

    O reitor da Universidade Abat Oliba CEU, Rafael Rodríguez-Ponga, acaba de publicar Pandemia y resiliencia: aportaciones académicas en tiempos de crisis, unha obra que contén un capítulo dedicado á nova linguaxe xurdida a partir da pandemia. En total, identificou 127 palabras ou expresións, entre as que se atopan préstamos do inglés, neoloxismos, popularización de termos que anteriormente estaban limitados ao ámbito científico ou hospitalario, xeneralización de siglas como nomes comúns...

    23 de setembro de 2020

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto de entrega de premios do XV Certame de Narración Curta do Concello de Curtis "Diario Marciano".

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    22 de setembro de 2020

    O Senado do Estado Libre Asociado de Porto Rico converteu o español en primeira lingua oficial por diante do inglés. A medida foi aprobada con 15 votos a favor e 11 en contra.

    Fonte: Cope

    22 de setembro de 2020

    O Instituto Francés iniciou unha campaña mundial a través dun número de Whatsapp para promover a aprendizaxe da lingua francesa entre a mocidade de todo o mundo.

    Fonte: L'Orient Le Jour

     

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder