Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    22 de setembro de 2020

    A quinta edición do Voluntariado polo Valenciano, unha iniciativa do Concello de Valencia que busca fomentar o uso desta lingua entre o persoal da Corporación, incorpora unha novidade, a de permitirlles ás persoas participantes escoller a modalidade de realización, presencial ou virtual, a través dunha aplicación.

    Fonte: El Periòdic

    22 de setembro de 2020

    Ao longo dos nove primeiros meses de vida, o proxecto colaborativo Galicia Nomeada, creado pola Real Academia Galega en colaboración coa Xunta para recompilar a microtoponimia, suma preto de 20 000 topónimos. Tampouco deixou de medrar o número de persoas que participa na iniciativa, arredor das 1300.

    21 de setembro de 2020

    A Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra poñen en marcha o programa Falamos, co obxectivo de promover o uso do galego entre o alumnado do campus pontevedrés. A iniciativa consta de catro actividades (un club de lectura, un curso de cociña, a proxección de películas e un proxecto de voluntariado lingüístico) que se darán a coñecer coa instalación nas diferentes facultades e escolas duns postos informativos.

    21 de setembro de 2020

    Co gallo da celebración do Día Mundial do Alzhéimer, a revista Neuropsychologia publicou unha investigación, centrada na poboación de Barcelona e a súa área metropolitana, que conclúe que falar dúas linguas de forma activa durante toda a vida protexe da deterioración cognitiva.

    Fonte: Praza Pública

    21 de setembro de 2020

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na rolda de prensa celebrada no salón de plenos do Concello de Muros para presentar tres actividades do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia, unha das accións do Plan de reactivación fronte aos efectos derivados da covid-19 que chegarán á vila coruñesa nos próximos días.

    21 de setembro de 2020

    O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, asistiu no Museo do Mar de Galicia ao regreso, tras o descanso estival, do programa de dinamización lingüística FalaRedes, que se abre co espectáculo participativo para os máis pequenos da casa Os Bolechas e a Porta dos Camiños.

    21 de setembro de 2020

    A asociación de apoio á lingua galesa Cymdeithas yr Iaith Gymraeg pediu ao Goberno do País de Gales que oferte clases de lingua galesa en liña e de balde para persoas refuxiadas e solicitantes de asilo.

    Fonte: Nation Cymru

    21 de setembro de 2020

    Como cada 26 de setembro desde 2001 celébrase o Día Europeo das Linguas, unha iniciativa impulsada polo Consello de Europa co obxectivo de dar a coñecer a diversidade lingüística do continente, impulsar entre a poboación a aprendizaxe de idiomas e valorar a diversidade cultural de Europa.

    Fonte: Council of Europe

    18 de setembro de 2020

    O Concello de Nules comezou unha nova campaña de fomento do uso do valenciano a través de bolsas para a compra que inclúen expresións nesta lingua acompañadas de imaxes e que están a disposición da cidadanía ata fin de existencias.

    Fonte: El Periòdic

    18 de setembro de 2020

    A Ruta do Dicionario catalán-valenciano-balear intégrase no proxecto Camins del català, unha proposta de itinerarios para coñecer e apreciar a lingua catalá no seu contexto territorial. Esta ruta repasa os 381 municipios e lugares que percorreu o filólogo Antoni M. Alcover cos seus colaboradores  para recoller palabras e expresións das diferentes variantes dialectais dos territorios onde se fala este idioma.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder