Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    15 de setembro de 2020

    O voceiro de MÉS per Mallorca no Parlamento balear insta a Radiotelevisión Española e o Goberno central a ampliar as desconexións territoriais nas illas e a posibilitar que toda a programación que se emite en catalán non se restrinxa a Cataluña, senón que tamén se poida retransmitir no arquipélago.

    Fonte: 20 minutos

    15 de setembro de 2020

    O Premio Ara de Cómic en Catalán, convocado polo diario Ara en colaboración con Norma Editorial e o apoio da Generalitat de Cataluña, ten como obxectivo promover o uso desta lingua no ámbito do cómic adulto e nos novos xéneros de non-ficción. Optarán á primeira edición deste galardón un total de 162 obras de gran diversidade de rexistros, temas e estilos.

    14 de setembro de 2020

    A Universidade de São Paulo inclúe na oferta de formación continuada dous cursos gratuítos de lingua e cultura catalás en réxime non presencial.

    Fonte: Aqui Catalunha

    14 de setembro de 2020

    O Centro de Linguas da Universidade do Miño ofertará este semestre cursos en once idiomas, entre eles o galego. Os cursos serán impartidos entre os campus de Gualtar (Braga) e Azurém (Guimarães).

    Fonte: Braga TV

    14 de setembro de 2020

    Co gallo da celebración o vindeiro 26 de setembro do Día Europeo das Linguas, o Goberno de Navarra puxo en marcha a campaña 'Con el plurilingüismo llegarás muy lejos'. O obxectivo desta iniciativa é motivar a aprendizaxe de idiomas e sensibilizar sobre a riqueza que supón a diversidade lingüística.  

    14 de setembro de 2020

    O Concello de Sueca lanzou unha convocatoria de axudas, cun importe de 6000 euros, polo uso do valenciano nos establecementos comerciais, co obxectivo de impulsar a presenza desta lingua neste sector en elementos como rótulos, documentación, materiais, webs, catálogos etc.

    Fonte: El Periòdic

    14 de setembro de 2020

    Coalición por El Bierzo solicitoulle ao Consello Comarcal que realice un recoñecemento expreso do bilingüismo berciano e lémbralle a esta institución que xa existe no Estatuto de Autonomía e na Lei da comarca unha mención ao respecto e á protección da lingua galega nos lugares onde se fala.

    Fonte: León Noticias

    11 de setembro de 2020

    Unha enquisa realizada en Ucraína pola fundación Ilko Kucheriv revelou que a maioría das persoas enquisadas considera a lingua ucraína como un elemento primordial que garante a independencia do país.

    Fonte: UNIAN

    11 de setembro de 2020

    O Euskaltegi municipal anuncia que organizará varios cursos gratuítos de éuscaro específicos para ámbitos como o coidado, a hostalería ou o comercio. Están dirixidos a persoas con nulos ou escasos coñecementos desta lingua e teñen como obxectivo que adquiran unha competencia oral básica para desenvolver a súa actividade laboral.

    Fonte: Diario Vasco

    11 de setembro de 2020

    A Feira das Linguas Indíxenas Nacionais de México (FLIN) permitiu difundir entre a cidadanía mexicana o proxecto do Atlas das Linguas Indíxenas Nacionais que está en proceso de elaboración por parte do INALI (Instituto Nacional de Linguas Indíxenas).

    Fonte: Ensenada

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder