Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    15 de abril de 2020

    «Per Sant Jordi, una paraula!» é unha iniciativa participativa coa que o Goberno balear pretende que a cidadanía comparta palabras en catalán a través das redes sociais o 23 de abril, día de San Jordi, co cancelo #parauladesantjordi.

    Fonte: Govern Illes Balears

    15 de abril de 2020

    O sitio web da Delegada de Migración, Persoas Refuxiadas e Integración da República Federal Alemá publica e divulga información actualizada sobre o coronavirus nun bo número de linguas estranxeiras.

    Fonte: Die Beauftragte der Bundesregierung für Migration, Flüchtlinge und Integration

    15 de abril de 2020

    Marrocos aprobou finalmente a creación do Consello Nacional de Linguas e da Cultura Marroquí (CNLCM, polas súas siglas en francés) que se encargará de promulgar todos os ditames de ámbito lingüístico do país africano.

    Fonte: L'Economiste

    14 de abril de 2020

    Radio Picariña, a canle dixital de música infantil e xuvenil da Radio Galega, alcanzou xa as 1000 cancións en galego no seu catálogo en liña, ao que acaban de incorporarse novos temas de artistas como Fofó, Chuches Amil, Mamá Cabra, João Afonso, Alonso Caxade ou Sara Vidal.

    Fonte: Nós Diario

    14 de abril de 2020

    O tradutor neuronal Itzuli rexistrou en marzo os mellores datos de uso desde a súa posta en marcha, ao alcanzar as 4 757 801 traducións, case o dobre que no mes anterior. O 56 % destas foi de castelán a éuscaro e o 44 % restante, de éuscaro a castelán.

    Fonte: Gasteiz Berri

    14 de abril de 2020

    A Asociación de Medios en Galego convoca o seu certame de vídeos, podcasts e regueifas ao que poderán presentarse traballos nos que se relacione a lingua galega e os medios de comunicación. Poden participar no concurso persoas individuais de entre 12 e 30 anos e tamén aulas de ESO, Bacharelato e ciclos formativos.

    Fonte: Código Cero

    14 de abril de 2020

    A Unidade de Normalización Lingüística creou un vocabulario de Semana Santa e de Pascua en formato de postais para aprender léxico en valenciano. As devanditas postais difundiranse a través das redes sociais desta institución provincial.

    Fonte: València Extra

    14 de abril de 2020

    En tan só cinco meses, a aplicación gratuíta para a aprendizaxe de linguas Duolingo bateu un récord no número de usuarias e usuarios que queren aprender gaélico escocés. Actualmente unhas 300 000 persoas están aprendendo esta lingua nesta plataforma, cifra que supera amplamente o seu número total de falantes en toda Escocia.

    Fonte: The Scotsman

    14 de abril de 2020

    Co fin de chegar ao maior número de usuarios e usuarias, o Departamento de Emprego do Goberno de Massachusetts (EUA) lanzou unha versión en español para persoas que queiran demandar un subsidio por desemprego. Así mesmo, nos próximos días, esta mesma entidade publicará versións da solicitude noutras linguas como o portugués, o chinés ou o vietnamita, entre outras.

    Fonte: WGBH

    13 de abril de 2020

    A Real Academia Galega traslada o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carballo Calero ao sábado 31 de outubro. Así mesmo, os demais actos presenciais que a institución tiña previstos para conmemorar esta data celebraranse á volta do verán.

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder