Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    01 de abril de 2020

    A Autoridade Portuaria de Valencia puxo en marcha a campaña #AlPieDelCañon, unha iniciativa solidaria que inclúe mensaxes en oito idiomas diferentes, entre os que se atopan o inglés, o francés, o alemán, o chinés ou o árabe, entre outros, co obxectivo de facela chegar a todos os continentes.

    Fonte: Naucher Global

    01 de abril de 2020

    A partir do mércores 31 de marzo HBO emite Auga seca, a primeira serie en lingua galega do seu catálogo. Rodada entre Vigo e Lisboa en galego e en portugués, a plataforma emitiraa tamén en versión dobrada ao castelán e con subtítulos en español e en inglés.

    Fonte: Galicia Confidencial

    01 de abril de 2020

    Phillip Rothwell, titular da Cátedra D. João II e director do Centro de Lingua Portuguesa da Universidade de Oxford declarou que o ensino do portugués está en expansión neste centro de ensino superior británico.

    Fonte: País ao Minuto

    01 de abril de 2020

    O filme Arracht, gravado en gaélico irlandés, recibiu dous premios no Festival Internacional de Cinema de Dublín. Un dos galardóns foi o de mellor película irlandesa.

    Fonte: Dublin Gazette

    31 de marzo de 2020

    A organización Galtzaundi Euskara Taldea lanza a iniciativa 'Itxialdian euskaraz" para practicar éuscaro desde a casa mentres dure o confinamento. Con esta idea preténdese impulsar a práctica desta lingua en liña, a través de videochamadas, e en grupo, poñendo en contacto persoas que queren aprendela con outras que as queren axudar.

    Fonte: Noticias de Gipuzkoa

    31 de marzo de 2020

    Unha estudante escocesa da Universidade de Edimburgo está a ofrecer aulas en liña gratuítas de lingua de signos británica durante o período de confinamento. O obxectivo que busca a rapaza é concienciar as persoas sobre a importancia desta lingua.

    Fonte: Edinburgh News

    31 de marzo de 2020

    O Instituto de Hixiene e Medicina Tropical da Universidade Nova de Lisboa creou un centro de información científica cuxo obxectivo é reunir e difundir contidos en lingua portuguesa sobre a actual pandemia do COVID-19.

    Fonte: Expresso das Ilhas

    30 de marzo de 2020

    A Consellería de Educación, Cultura e Deporte asinará un acordo de colaboración coa Universidade de Valencia para o funcionamento da Cátedra de Dereitos Lingüísticos polo que achegará 80 000 euros.

    Fonte: València Extra

    30 de marzo de 2020

    A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que o  servizo de atención telefónica ofrecido pola Xunta sobre o coronavirus carece de argumentario en lingua galega, o que considera unha vulneración dos dereitos lingüísticos da poboación.

    Fonte: Galicia Confidencial

    30 de marzo de 2020

    O Concello de Elgoibar comunicou as subvencións para o ano 2020, que inclúen axudas para a aprendizaxe do éuscaro e para o fomento da presenza desta lingua en establecementos comerciais, así como o seu uso no ámbito empresarial.  

    Fonte: Diario Vasco

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder