Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    02 de xullo de 2020

    A enquisa sobre os usos lingüísticos da poboación de 2018 conclúe que o 70,6 % da poboación está totalmente ou bastante de acordo con que o que se fala nas illas Baleares, a Comunidade Valenciana, Andorra e Cataluña son xeitos diferentes de falar a mesma lingua.  

    Fonte: Generalitat de Cataluña

    02 de xullo de 2020

    A Xunta de Galicia e a Fundación Repsol renovan a súa colaboración e convocan a décimo cuarta edición do Premio Narrativa Breve Repsol, un certame xa consolidado e de referencia no panorama das letras galegas.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    02 de xullo de 2020

    Antón Costa Rico, catedrático de Historia da Educación na Facultade de Ciencias da Educación, resultou seleccionado polo xurado como gañador da terceira edición do Premio Luís Porteiro Garea á promoción e uso do galego na Universidade de Santiago de Compostela.

    Fonte: Universidade de Santiago de Compostela

    01 de xullo de 2020

    O órgano de goberno do Tribunal Arbitral do Deporte (TAS, polas súas siglas en inglés) decidiu adoptar o español como terceira lingua oficial da organización. As outras linguas oficiais son o francés e o inglés.

    Fonte: La Vanguardia

    01 de xullo de 2020

    «La sidra, con mazana d'Asturies. Pidi sidra con denominación d'orixe, lo auténtico» é o lema da campaña publicitaria de verán impulsada polo Consello Regulador da DOP Sidra de Asturias, que nesta ocasión apostou polo emprego do asturiano sumándose así a outras marcas comerciais que tamén escolleron esta lingua para uso publicitario.

    Fonte: El Comercio

    01 de xullo de 2020

    Varias foron as cuestións relativas á lingua asturiana que tiveron que adiarse a causa da pandemia do coronavirus, pero que agora, coa chegada da nova normalidade, van retomarse. Por unha banda, o arranque do Consello Asesor de Política Lingüística, que se constituirá en setembro; e, por outra, o debate sobre a reforma do regulamento para permitir o uso do asturiano na Cámara.

    01 de xullo de 2020

    O portal éDeporte, un novo medio de comunicación dixital sobre deporte galego escrito en lingua galega, é o gañador da quinta edición da bolsa Nacho Mirás para novos titulados en xornalismo.

    Fonte: CulturaGalega

    30 de xuño de 2020

    A Asociación de Estudantado das Terras Altas e Illas de Escocia (HISA, polas súas siglas en inglés) lanzou un proxecto que promoverá o intercambio en gaélico escocés entre o estudantado e outros membros da comunidade educativa da Universidade das Terras Altas e Illas de Escocia.

    Fonte: The Inverness Courier

    30 de xuño de 2020

    Un grupo de científicos da Universidade de California nos Ánxeles creou un dispositivo que permitirá traducir lingua de signos a discurso oral por medio dunha luva e unha aplicación móbil.

    Fonte: Observador

    30 de xuño de 2020

    O PNV leva tempo reclamando que a radiotelevisión pública española emita en éuscaro na desconexión territorial que realiza para o País Vasco. Agora, a administradora única de RTVE, Rosa María Mateo, mostrouse disposta a estudar esta posibilidade.

    Fonte: Noticias de Gipuzkoa

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder