Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    13 de marzo de 2020

    O presidente de Ucraína, Volodymyr Zelenskyy, proclamou unha lei educativa que ofrece tres modelos para a aprendizaxe da lingua ucraína para as minorías que residen no país, incluída a rusa.

    Fonte: Ukrainian News

    13 de marzo de 2020

    A Xarxa Vives de universidades financiará a publicación de traballos científicos en catalán mediante un programa de axudas. O obxectivo da iniciativa é prestixiar esta lingua e fomentar o seu uso na difusión do coñecemento.

    Fonte: La Vanguardia

    13 de marzo de 2020

    Elhuyar presentou o seu recoñecedor da fala chamado Aditu, unha plataforma para a transcrición e a subtitulación automática de audios e vídeos. Trátase dunha ferramenta de pago que permite subtitular e transcribir discursos, conversacións e distintos enunciados en éuscaro e castelán.

    Fonte: 20minutos

    13 de marzo de 2020

    Segundo mostra o informe da Liña do Galego de 2019, no último ano aumentaron as queixas pola discriminación desta lingua, que alcanzaron as 318. Destas, un 45,28% están relacionadas coa Administración pública.

    Fonte: Galicia Confidencial

    13 de marzo de 2020

    O relator especial sobre as minorías da Oficina do Alto Comisionado de Dereitos Humanos das Nacións Unidas, Fernand de Varennes, publicou un informe sobre a situación das linguas minorizadas en España no que propón que se revisen as medidas que impiden o pleno desenvolvemento do ensino nestes idiomas, entre os que cita o galego.

    Fonte: Praza Pública

    13 de marzo de 2020

    Con motivo da visita do secretario da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), Francisco Ribeiro Telles, a Guinea Ecuatorial, o presidente do país africano, Teodoro Obiang Ngumea Mbasogo, comprometeuse a financiar unha futura escola de lingua portuguesa con dúas sedes, unha na capital Malabo e outra en Bata.

    Fonte: Público

    13 de marzo de 2020

    O Goberno do estado brasileiro do Ceará está considerando a introdución do ensino da lingua alemá nos Centros Cearenses de Idiomas, tal como confirmou a gobernadora do estado, Izolda Cela.

    Fonte: Governo do Estado do Ceará

    12 de marzo de 2020

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou, no compostelán Pazo de San Roque, na presentación do I Premio de Ensaio Camiño de Santiago convocado pola Academia Xacobea co apoio da Consellería de Cultura e Turismo.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    12 de marzo de 2020

    O proxecto Ponte... nas Ondas! cumpre 25 anos poñendo en valor o patrimonio inmaterial galego-portugués. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o presidente da asociación Ponte... nas Ondas! deron a coñecer as iniciativas previstas para a celebración destes cinco lustros.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    12 de marzo de 2020

    O Tío Marcos d'a Portela, a primeira cabeceira en galego que conseguiu certa permanencia no tempo, xa pode consultarse en liña dende hai uns días grazas á última achega da Real Academia Galega a Galiciana, que inclúe un total de 75 publicacións periódicas históricas.

    Fonte: Real Academia Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder