Gehiago, gehiagorekin, gehiagotan (máis, con máis xente, en máis ocasións) é o lema da vindeira edición de Euskaraldia, iniciativa de fomento do uso do éuscaro que se celebrará entre o 20 de novembro e o 4 de decembro. Como novidade deste ano crearanse espazos protexidos para o uso desta lingua (arigune) en todo tipo de entidades, empresas e asociacións.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A Dirección Xeral de Política Lingüística presentou unha base de datos de discos en catalán editados no arquipélago balear entre setembro de 2018 e marzo de 2020. O obxectivo desta iniciativa é impulsar a contratación de artistas que cantan nesta lingua, así como divulgar a oferta cultural neste idioma.
Fonte: La Vanguardia
A Embaixada do Brasil en Londres e o King's College presentaron o Concurso de Lingua Portuguesa e Cultura Brasileira en homenaxe ao centenario do nacemento da escritora Clarice Lispector.
Fonte: Zarllor
Un centro de estudos de Singapur levou a cabo un estudo que revela que a cidadanía singapuriana defende que o inglés sexa a lingua principal de uso público.
Fonte: The Straits Times
A Universidade Pública de Navarra está a elaborar un plan integral da docencia en éuscaro para incrementar a oferta de materias nesta lingua baseándose en tres criterios: a proximidade dos graos á realidade socioeconómica navarra, a demanda do alumnado e a calidade.
Fonte: Noticias de Navarra
Este obradoiro de escrita dramática ten como obxectivos desenvolver e potenciar as habilidades creativas en lingua galega das persoas participantes, así como ofrecerlles as ferramentas necesarias para a comprensión da dramaturxia.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Unha sentenza do Tribunal Supremo (TS) non permite que as administracións valenciana, catalá e balear poidan comunicarse en catalán, pois considérase que o uso desta lingua ten un carácter "excluínte" sobre o castelán e vulnera a Constitución.
Fonte: Diario de Mallorca
A sexta edición do Premio Literario Mazarelos, un galardón que ten como obxectivos fomentar a creatividade da mocidade universitaria e desenvolver a súa capacidade de expresión en galego, terá como tema central 'O galego confinado'.
O interese por aprender galés incrementouse sorprendentemente durante a crise sanitaria da covid-19. Nas primeiras dúas semanas de confinamento, máis de 8000 persoas optaron por se inscribir nos cursos gratuítos en liña do Centro Nacional de Aprendizaxe da Lingua Galesa. O interese foi tanto que o centro tivo dificultades para atopar profesorado para todos os cursos.
Fonte: BBC
Dous científicos portugueses iniciaron en Alemaña o proxecto "Cartas com Ciência" que busca incentivar o intercambio de cartas sobre asuntos relacionados coa ciencia en portugués. O programa desenvolverase inicialmente en Portugal e Mozambique mais o obxectivo é que se espalle por todos os países de lingua oficial portuguesa.
Fonte: RFI
Boletín
Subscríbase ao boletín


