Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    12 de maio de 2020

    O Plan de desconfinamento da lingua galega, impulsado polo IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo, ofrece unha serie de medidas, para que o alumnado desenvolva coa axuda do profesorado, destinadas a desconfinar gradualmente o galego ata acadar unha nova normalidade lingüística.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    12 de maio de 2020

    O Foro Peinador, a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros e a Xunta de Galicia puxeron en marcha nas redes sociais a campaña “Con acento propio”, unha iniciativa que ten como obxectivo que a cidadanía identifique o uso do galego na etiquetaxe de produtos alimentarios como unha marca de calidade.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    12 de maio de 2020

    Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, o Servizo Municipal de Bibliotecas do Concello da Coruña organiza distintas actividades para "desconfinar" o galego. Entre outras iniciativas, iniciarase unha campaña en redes sociais para convidar a cidadanía a participar cubrindo a cara con materiais nesta lingua (libros, CD, filmes...).

    Fonte: Galicia Confidencial

    12 de maio de 2020

    Co gallo da celebración do Día das Letras Asturianas, un deputado de Podemos insistiu na necesidade de reformar o Estatuto de Autonomía do Principado para declarar a oficialidade do asturiano e o galego-asturiano.

    Fonte: Galicia Confidencial

    12 de maio de 2020

    O Departamento de Cultura destinará unha dotación orzamentaria dun millón de euros á convocatoria de axudas para promover a dobraxe e os subtítulos en catalán de series e películas en plataformas de vídeo, Blu-ray e DVD, dirixidas a empresas distribuidoras e a estudios de dobraxe.

    Fonte: La Vanguardia

    12 de maio de 2020

    A serie luso-galega Vidago Palace convértese na segunda produción deste tipo, despois de Auga Seca, que chega á plataforma de contidos audiovisuais HBO Portugal.

    Fonte: El Trapezio

    12 de maio de 2020

    Un total de 24 escolas bilingües da provincia arxentina de Santa Fe ensinan a lingua indíxena mocoví a un total de 4869 estudantes. Prevese que pouco a pouco se vaian abrindo novos centros educativos bilingües noutras zonas da provincia.

    Fonte: Mirador Provincial

    11 de maio de 2020

    O Concello de Valencia, a través do seu Gabinete de Normalización Lingüística, creou varias listas de reprodución en Spotify con cancións en valenciano. O obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer a variedade musical existente a día de hoxe nesta lingua.  

    Fonte: València Extra

    11 de maio de 2020

    Plataforma per la Llengua puxo en marcha unha campaña para reivindicar a oficialidade do catalán na Unión Europea. Para facer visible esta reivindicación, a organización pide a redacción de mensaxes en Twitter con contido relacionado coa defensa dos dereitos lingüísticos cos cancelos #NoOfficialNoExist e #DiadEuropa".

    Fonte: E-Notícies

    11 de maio de 2020

    A comunidade Orgullo Galego lanza unha iniciativa que busca converter en tendencia mundial o cancelo #EuFaloGalego para darlle visibilidade á lingua galega o 17 de maio, unha proposta que conta co apoio de varias organizacións e perfís.

    Fonte: Galicia Confidencial

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder