Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    27 de xaneiro de 2020

    Vaughan Williams, un concelleiro da cidade galesa de Caergybi (Holyhead en inglés), avoga pola protección legal dos nomes en galés das casas ou vivendas tradicionais co fin de garantir a preservación do patrimonio e a memoria histórica.

    Fonte: BBC

    27 de xaneiro de 2020

    A Oficina Pública do Éuscaro, con sede en Baiona, País Vasco francés, publicou un informe sobre o uso dos medios de comunicación local en todo o País Vasco. O estudo constata un aumento dos programas emitidos en éuscaro e mostra que nove de cada dez habitantes consomen medios de comunicación locais.

    Fonte: France Bleu

    27 de xaneiro de 2020

    A ordenanza de normalización lingüística do Concello de Gondomar, aprobada definitivamente no pleno do mes de xaneiro, ten como obxectivos incorporar o galego en todos os ámbitos da vida municipal e impulsar a normalización do seu uso no conxunto da sociedade.

    Fonte: Faro de Vigo

    27 de xaneiro de 2020

    Co gallo da celebración o 24 de xaneiro do Día do Punto Voado (Dia del Punt Volat), ponse en marcha unha campaña para dar a coñecer este signo emblemático do catalán co obxectivo de que a organización internacional Unicode o inclúa na súa páxina de signos patrocinados.

    Fonte: Generalitat de Catalunya

    27 de xaneiro de 2020

    O grupo de investigación para o estudo da variación do éuscaro, Eudia, da Universidade do País Vasco realizou o estudo Euskalkien sailkapen berria no que distinguen tres dialectos desta lingua: o occidental, o central e o oriental.

    Fonte: EiTB

    27 de xaneiro de 2020

    O Pub Gatos acolle o venres 31 de xaneiro o concerto Presume de Galego, organizado polo alumnado do IES de Melide. Esta iniciativa, que chega así á súa cuarta edición, insírese nun proxecto educativo transversal cuxo obxectivo é fomentar a socialización en galego da mocidade a través da música.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    27 de xaneiro de 2020

    A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou o CEIP Raíña Fabiola (Santiago de Compostela), onde se reuniu cun grupo de representantes da Entidade para a Lingua Frisoa (DINGtiid), organización non gubernamental que ten atribuídas as funcións de asesoría ao goberno da rexión de Frisia (Países Baixos) en materia de política lingüística. Na reunión participou tamén o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

    27 de xaneiro de 2020

    O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, participou, no Centro Cultural Torrente Ballester, na inauguración da mostra "Imaxe de cen anos", coa que o Concello de Ferrol abre o ano dedicado a Ricardo Carvalho Calero.

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    24 de xaneiro de 2020

    Un estudo realizado pola oficina estatística do Canadá revela que entre 2006 e 2016 aumentou o bilingüismo inglés-francés nas familias canadenses grazas aos programas de inmersión.

    Fonte: Global News

    24 de xaneiro de 2020

    A longametraxe do director Lois Patiño Lúa Vermella estrearase na Berlinale, o Festival de Cinema de Berlín. O filme, rodado en galego, foi seleccionado pola Berlinale xunto a outros títulos de varios países.

    Fonte: CRTVG

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder