A Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela decidiron suspender a XXXIII edición dos cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" por mor da pandemia de coronavirus.
Información do día a día do galego e outras linguas
Novas
Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas.
A plataforma cidadá Queremos Galego anima a cidadanía a mobilizarse o 17 de maio, aínda que sexa desde as súas casas, pendurando en fiestras e varandas a bandeira de Galicia ou carteis de reivindicación da lingua galega. Así mesmo, tamén pide que, ao longo desa xornada, se compartan a través das redes vídeos e fotografías de anteriores convocatorias.
Fonte: Galicia Confidencial
A finais de 2020 estrearase o videoxogo Sword of the Necromancer en catalán, inglés e castelán. Para poder conseguir edicións físicas iniciouse un proxecto de micromecenado co que xa se conseguiu o 100 % do financiamento en 24 horas.
Fonte: Generalitat de Catalunya
En total o Executivo vasco destinará 1,3 millóns de euros para o desenvolvemento de proxectos lingüísticos de centros de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato durante o curso 2020-2021.
Fonte: El Diario
Dez concellos, a Deputación da Coruña e as tres universidades galegas presentan a cuarta edición do proxecto Youtubeir@s, unha iniciativa que ten como obxectivo fomentar a produción de vídeos en galego. Este ano o certame outorgará doce premios: tres principais, valorados en 1000 € cada un, e nove de 500 €.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Luz Pozo Garza faleceu na Coruña aos 97 anos de idade. Ao longo da súa vida, esta poeta e ensaísta exerceu como catedrática de literatura de ensino medio. Foi unha das voces poéticas esenciais da literatura galega da segunda metade do século XX.
Fonte: Praza Pública
O príncipe do País de Gales emprega a lingua galesa de xeito simbólico na inauguración do hospital de campaña Ysbyty Calon y Ddraig en Cardiff.
Fonte: People
O Departamento de Cultura da República de Irlanda anunciou que os cursos de gaélico que se organizan cada verán nas Gaeltacht ou zonas de fala irlandesa non poderán ter lugar este ano por mor da crise sanitaria do Covid-19.
Fonte: Limerick Post
O Concello de Bilbao organiza o programa cultural Harrapazank, en colaboración con Topagunea, para fomentar o éuscaro entre a xente nova da cidade. Esta primavera, con motivo das restricións provocadas polo confinamento, reformou a oferta prevista e contará cunha versión en liña que permitirá gozar das actividades que ofrece sen moverse da casa.
Asymptote é un dos principais sitios web de literatura mundial en tradución. Este mes de abril ofrece o Galician Poetry Feature, unha escolma de literatura galega na que figuran poetas como Alba Cid, Luz Pozo ou Chus Pato.
Fonte: Consello da Cultura Galega
Boletín
Subscríbase ao boletín




