Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    14 de abril de 2020

    Co fin de chegar ao maior número de usuarios e usuarias, o Departamento de Emprego do Goberno de Massachusetts (EUA) lanzou unha versión en español para persoas que queiran demandar un subsidio por desemprego. Así mesmo, nos próximos días, esta mesma entidade publicará versións da solicitude noutras linguas como o portugués, o chinés ou o vietnamita, entre outras.

    Fonte: WGBH

    13 de abril de 2020

    A Real Academia Galega traslada o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carballo Calero ao sábado 31 de outubro. Así mesmo, os demais actos presenciais que a institución tiña previstos para conmemorar esta data celebraranse á volta do verán.

    13 de abril de 2020

    #SempreTeuaACasa consta de 12 videopropostas en valenciano para todas as idades para vivir a Pascua en familia durante o confinamento. Esta canle inclúe numerosas actividades de lecer entre as que se atopan compoñer un rap, facer monicreques, cociñar, crear unha obra de teatro ou bailar danzas tradicionais valencianas.

    Fonte: Novelda Digital

    13 de abril de 2020

    A administradora única de RTVE defende a actitude de respecto do ente público coas linguas oficiais do Estado e abre a porta a recuperar os titulares en éuscaro para os informativos vascos, unha ausencia que xustifica polo escaso dominio do seu persoal para emitir a programación nesta lingua.

    Fonte: Deia

    13 de abril de 2020

    A Consellería de Política Social ampliou ata as 24 horas ao día, sete días á semana, o servizo de videointerpretación en lingua de signos que ofrece a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG).

    Fonte: Xunta de Galicia

    13 de abril de 2020

    O Goberno vasco destinará 450 000 euros a esta liña de axudas que conta con dúas modalidades: proxectos non comerciais de contidos en internet unicamente en éuscaro e versións en éuscaro de proxectos non comerciais que usen, ademais desta lingua, outros idiomas.

    13 de abril de 2020

    A organización benéfica galesa BookTrust Cymru lanzou un sitio web con contidos en lingua galesa en diferentes formatos para escolares e as súas familias. O proxecto está especialmente pensado para este período de corentena por mor do coronavirus.

    Fonte: Wales247

    13 de abril de 2020

    A canle de televisión da República de Irlanda TG4 lanzará proximamente Cula4 ar Scoil, un programa en gaélico para alumnado de primaria que se emitirá todos os días durante media hora.

    Fonte: The Irish Sun

    10 de abril de 2020

    A coñecida telenovela irlandesa Ros na Rún, da canle en lingua gaélica TG4, lanza unha competición de escrita creativa neste idioma para nenos e nenas.

    Fonte: RTÉ

    08 de abril de 2020

    A presenza de intérpretes de lingua de signos estase incrementando nas últimas semanas dun xeito moi importante, tal e como relata Ellon Roth, intérprete de lingua de signos na cidade de Washington (EUA). O labor destas profesionais convértese en esencial para trasladar a información sobre a pandemia ás persoas da comunidade xorda.

    Fonte: NBC Washington

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder