Información do día a día do galego e outras linguas

Novas

 

Coñeza a actualidade sobre as linguas do mundo que lle proporciona o Observatorio da Lingua Galega. A información actualízase a diario e recóllese dunha ampla gama de fontes, nacionais e internacionais: dende medios de comunicación ata webs de diferentes organizacións e institucións relacionadas coas linguas. 

    28 de febreiro de 2020

    Xa está dispoñible en liña unha selección de documentos difundidos no “Curso de avaliación de competencias lingüísticas para técnicos/as de normalización lingüística”. Trátase dunha compilación de materiais de referencia entre os que figuran criterios para a avaliación dos Celga, especificacións para realizar exames ou unha proposta de estrutura de exame de galego para presentarlles a representantes institucionais.

    28 de febreiro de 2020

    O presidente do Instituto Camões, Luís Faro Ramos, declarou que Portugal está estudando a ampliación dos dous centros de lingua portuguesa que ten no Senegal dado a importante afluencia de persoas interesadas por aprender o portugués.

    Fonte: Notícias ao Minuto

    28 de febreiro de 2020

    O número 37 da revista Cadernos de Lingua ofrece, entre outros traballos, unha análise sobre os termos máis procurados no Dicionario da Real Academia Galega e os motivos de que o sexan, entre os que destacan, como factores externos máis determinantes, a súa aparición en medios de comunicación e a súa presenza no ámbito escolar.

    28 de febreiro de 2020

    Francia endurecerá os requisitos lingüísticos para obter a cidadanía xa que a partir de abril deste ano todas as persoas que queiran ser francesas deberán realizar, ademais dunha proba oral e de comprensión auditiva, un exame de expresión escrita.

    Fonte: The Local

    28 de febreiro de 2020

    Un estudo realizado na Universidade Anglia Ruskin do Reino Unido revelou que os bebés que medran en fogares onde se falan dúas linguas teñen máis facilidades para focalizar a súa atención.

    Fonte: Science Focus

    27 de febreiro de 2020

    A poesía de Uxío Novoneyra xa pode lerse en italiano. O Centro de Estudos Galegos de Perugia, co apoio da Xunta e a Fundación Uxío Novoneyra, acaba de publicar o volume Poesie della chiara certezza. Antologia 1955-1999

    Fonte: O Portal da Lingua Galega

    27 de febreiro de 2020

    O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, asistiu á presentación de RCC. O Carballo que fun en Ferrol, unha obra que dá ao prelo o Club de Prensa de Ferrol coa colaboración de autores ferrolterráns, baixo a coordinación de Bernardo Máiz, e o patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística no marco da programación institucional das Letras Galegas 2020 da Xunta de Galicia.

    27 de febreiro de 2020

    O Colexio de Avogados de Lleida colleu a presentación dos primeiros formularios xurídicos en aranés destinados aos profesionais da xustiza e que servirán para fomentar o uso desta lingua nos xulgados de Vielha.

    Fonte: La Vanguardia

    27 de febreiro de 2020

    O concurso de vídeos “Cambio climático e nós”, organizado pola Facultade de Ciencias, vincula a promoción do uso do galego co compromiso adquirido pola Universidade de Santiago coa Axenda 2030. O certame inclúe dúas categorías: unha dirixida ao alumnado da ESO, bacharelato e FP e outra para os membros das tres universidades galegas.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    27 de febreiro de 2020

    A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca probas de avaliación en competencias clave para poder acceder ás accións formativas dos novos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación profesional. Entre as competencias clave requiridas para obter estes certificados está a “comunicación en lingua galega”.

    Fonte: Consello da Cultura Galega

    Boletín

    Subscríbase ao boletín

    Logo Feder